Campaña da Fruga para poñer couto á “desfeita” do xabarín no rural galego

A Federación Rural Galega impulsa unha iniciativa para procurar solucións os cuantiosos danos causados pola fauna salvaxe, principalmente o xabarín. Elías Somoza lembra a “enorme responsabilidade” da Xunta.

Xabarí

A emblemática Feira dos Santos, que se celebra en Monterroso todos os 1 de novembro, foi elixida pola Federación Rural Galega (Fruga) para dar a coñecer a campaña que impulsa cun onxectivo claro, en palabras de Elías Somoza, un dos seus responsábeis: “solucionar os graves problemas causados no agro pola fauna salvaxe, principalmente o xabarín”. A iniciativa inclúe unha recollida de sinaturas, “que se está a realizar cunha receptividade grande, a verdade”, indica Somoza.

Desde 2009, a Xunta non paga axudas ás persoas afectadas polos estragos causados polos danos do xabarín

Desde a Fruga teñen claro que “o xabarín é, hoxe en día, unha praga. E hai que reducir esa poboación porque é incompatíbel” coa actividade agraria. Provoca danos e estragos en numerosas comarcas, “desfeitas” que son aínda máis graves pola situación de crise que golpea o rural. E, tamén, “porque desde 2009 a Xunta deixou de pagar axudas polos danos causados por este animal”.

Coñecer a realidade do rural

Elías Somoza considera que hai que camiñar cara a redución do censo do xabarín en Galiza. “A Xunta ten que asumir as súas responsabilidades e actuar, non trasladar a responsabilidades aos Tecores”. Así, ten que facer un “estudo serio, riguroso, que determine o censo da fauna salvaxe e a súa distribución. A partir de aí, hai que elaborar un plan de prevención e control”. Ademais, habería que habilitar “urxentemente” ferramentas de compensación da danos.

E a estas actuacións “inmediatas” hai que engadir, sosteñen desde a organización, actuacións de apoio decidido ao rural e ao agro, cunha ordenación da actividade e do territorio.

Comentarios