O camión-tenda mantén o latexo no rural

Autónomas achegan alimentos á poboación a través de camións-tenda até lugares onde o comercio tradicional non o fai.
Dúas clientas agardan para comprar alimentos no camión-tenda de Carlos Varela (Concello de San Sadurniño)
photo_camera Dúas clientas agardan para comprar alimentos no camión-tenda de Carlos Varela (Concello de San Sadurniño)

O confinamento nos pequenos núcleos de poboación da Galiza faise aínda máis difícil pola falta de servizos que padecen as súas habitantes. A falla de internet en moitas destas aldeas limita as posibilidades de teletraballo e dificulta as xestións na agricultura e na gandaría. Por sorte, existen servizos como os camións-tenda que suplen algunha destas carencias e transfórmanse en vitais en tempos de coronavirus.

Nun contexto en que as tabernas-ultramarinos están case extinguidas, o mesmo que sucede nas cidades coas tendas de barrio, a xente está a espertar e a darse conta da importancia de ter preto os produtos básicos.

No concello de San Sadurniño hai lugares como Ferreira, Bardaos, Santa Mariña e Igrexafeita que carecen de comercios mesmo para mercar o pan. Por sorte teñen a Carlos Vázquez, un comercial autónomo de Conxelados Astur-Galaicos que co seu camión-tenda, cargado de conxelados, froita, gasosas e outros produtos de alimentación, suple a carencia destes pequenos mercados de toda a vida.

"Veño todas as semanas e traio conxelado, carne, peixe, froita, iogures...", comenta. A crise do coronavirus apenas mudou o seu xeito de traballar, salvo porque "tes que adoptar unhas medidas e protocolos que antes non se tomaban. Gardar unhas distancias, andar con luvas e máscara, desinfectar as cousas, os cartos... esas pautas que antes non se facían necesarias". Tamén nota que as cantidades son algo maiores agora co confinamento, e tamén a frecuencia.  "Aumentaron un pouco porque a xente intenta saír da casa o menos posíbel", apunta.

E as súas clientas danlle a razón. Susa fai cola gardando a distancia de seguridade, é das que pensan que "a cousa vai para longo". De feito, explica que só sae da casa para facer a compra no furgón, que para a escasos dez metros de onde vive. "Polo demais, nin saio nin me movo de aquí".

Consuelo, outra das habituais na parada de Igrexafeita, recoñece que, a pesar da falla de servizos, vivir na aldea ofrece outras vantaxes. Poden saír ás hortas, a apañar os ovos das galiñas e ver a luz do sol, cousa da que non todas poden presumir na cidade. "Nós estamos moi ben aquí, xa era o noso. Antes xa non nos movíamos e agora tampouco". 

Carlos segue coa súa ruta cara á seguinte aldea, onde o tempo volverá ser un dos temas de conserva recorrentes, aínda que cada vez máis eclipsado polo coronavirus, que preocupa especialmente entre a xente maior. El está a desenvolver un papel social, igual que o fan as pequenas tendas que quedan espalladas polo concello. Así o ve Manolo Varela, concelleiro de Desenvolvemento Local de San Sadurniño.

Para o edil, a crise sanitaria pola COVID-19 "evidencia a dependencia que temos dos mercados globais, das grandes distribuidoras e comercializadoras... e tamén nos está axudando a decatármonos do importante que é manter un tecido produtivo e de comercialización de proximidade". "Hai que apostar polo local, apostar por quen produce e vende preto de nós e implementar novas fórmulas comerciais que se adapten á realidade do rural", conclúe.

Comentarios