Análise

Camiño a unha nova recesión?

Adrián Dios, profesor de Historia Económica na Universidade de Santiago de Compostela, prosegue co ciclo de análises de Nós Diario.
A suba de tipo de xuros vai ter efectos negativos que poden levar a economía europea a unha nova recesión. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera A suba de tipo de xuros vai ter efectos negativos que poden levar a economía europea a unha nova recesión. (Ilustración: Álex Rozados)

Os últimos dous anos constitúen un verdadeiro terremoto para as bases da economía mundial, moi débil na súa recuperación posterior á crise do ano 2008. O efecto dos confinamentos derivados da situación sanitaria tivo un grande impacto inicial nas cadeas globais de subministro, vivindo por primeira vez en décadas situacións de escaseza de produtos, en particular, materias primas. A crise no subministro de microchips é o mellor exemplo desta situación, que está provocando interrupcións na produción de múltiples manufacturas en Europa (sen ir máis lonxe, na fábrica de Stellantis en Vigo).

Esta tensión en termos de transporte e subministro está afectando en particular a dous sectores: o enerxético e o alimentario, agravados pola guerra en Ucraína (subministros enerxéticos dende Rusia e a caída das exportacións de cereais ucraínos) e ineficientes regulacións, profundamente especulativas, que favorecen enormes incrementos de prezos no consumo final.

Así, por primeira vez en décadas, a inflación volveu ser un problema de primeira orde na economía europea. Unha primeira reflexión: a inflación comezou a dispararse no último trimestre do 2021 fundamentalmente por efecto destes dous sectores, manténdose o resto de prezos estables. Con todo, o impacto da suba dos prezos enerxéticos e alimentarios provoca que no medio prazo o resto de prezos comecen a subir (como parece lóxico, dado que a industria aumenta os seus custos enerxéticos e todas as unidades económicas son sensibles á suba de prezos alimentarios), como estamos vivindo nos últimos tres meses, cunha inflación alta pero estancada e unha inflación subxacente (a inflación descontando o que acontece con enerxía e alimentos) en claro crecemento. Pasamos dun escenario de inflación en dous sectores concretos a unha inflación global.

Este repaso é importante porque permite entender as causas da inflación e, polo tanto, pode axudar a aplicar solucións. Segunda reflexión: a inflación vén determinada pola enerxía e os alimentos, non pola política monetaria. Unha mentira que se repite bastante a miúdo en economía é que imprimir moeda sempre implica inflación [ollo, isto pode ser así, pero non é así en todos os casos]. O mellor exemplo para amosar esta mentira é que o BCE leva inmerso nunha política monetaria moi expansiva na última década e incluso chegamos a vivir momentos de deflación.

Encarecer o diñeiro

Imos conectar agora esta idea coas decisións dende as institucións europeas, en particular o Banco Central Europeo, que poden ser catastróficas e levarnos a unha nova recesión. A política que o BCE anunciou que vai aplicar será a de subir os tipos de xuro: como os prezos aumentan, o que facemos é "encarecer o diñeiro", co obxectivo de que haxa menos cartos en circulación: como hai menos cartos na economía, os prezos teñen que baixar. Este argumento pode ter sentido cando os prezos aumentan por cuestións monetarias (un bo exemplo é a hiperinflación alemá de 1923), pero non o ten cando os prezos flutúan por shocks externos (como a suba de prezos enerxéticos). É dicir, estamos poñendo unha medicina para a enfermidade equivocada.

O gran problema de equivocarse na xestión da inflación non é só que non se corrixa o problema de fondo (elevados prezos enerxéticos e alimentarios) senón que a suba de tipo de xuros vai ter efectos negativos en varias direccións, e que potencialmente poden levar a economía europea a unha nova recesión. En primeiro lugar, porque para as persoas hipotecadas vai supoñer un encarecemento dos seus gastos financeiros, o que pode dar lugar a novos impagos, desafiuzamentos, problemas ligados á vivenda e descenso do consumo porque dedicas máis parte da túa renda aos gastos financeiros e non a outras actividades (e beneficiará á banca que está prestando eses cartos, claro).

En segundo lugar, afectará a boa parte do tecido produtivo, en particular ás PEMES, porque van ter maiores dificultades para acceder ao crédito, que se encarece. Isto dará lugar á quebra de empresas solventes, afectando polo tanto tamén ao emprego. Por último, terá un efecto moi negativo sobre a débeda pública: como os tipos de xuro aumentan, os Estados terán que pagar máis pola débeda que teñen subscrita, e que nestes momentos está en máximos polas políticas para afrontar a Covid-19 (mecanismos como os ERTE impulsaron a débeda pública de todo o mundo), e pode levar a que as institucións europeas volvan obrigar a recortar (nunha decisión suicida), agravando a crise económica cara unha nova crise social.

Ademais, este efecto non será igualitario en Europa. Estamos vendo xa nos últimos días como se volven disparar as primas de risco nos países do sur de Europa (mundialmente famosas hai unha década e agora parecía que no esquecemento). É dicir, que unha vez máis as galegas e galegos, como europeos do Sur, imos vivir un maior agravamento dos nosos servizos públicos polo funcionamento das institucións europeas e os mercados financeiros. A non ser que se rectifiquen as políticas económicas que se están iniciando.

Comentarios