xoves 09.04.2020

Rosa Chapela, Cetmar: "O cambio climático está a levar as especies cara ao norte de Europa"

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e os seus socios no proxecto  ClimeFish presentaron os resultados do traballo realizado durante catro anos para facilitar a adaptación ao cambio climático nos ámbitos da pesca e da acuicultura en Europa. Foi na sede da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) tamén interesada no proxecto. Rosa Chapela adianta a Nós Diario algunhas das súas conclusións. 
Rosa Chapela, área de socioeconomía do Cetmar
Rosa Chapela, área de socioeconomía do Cetmar

-Que é o proxecto ClimaFish?

É un proxecto europeo e internacional que ten como obxectivo estabelecer medidas de adaptación ao cambio climático para a pesca e a acuicultura. A Comisión Europea considera unha prioridade atender estas cuestións no ámbito dos océanos. Démonos conta cando traballamos no proxecto de que hai moito en materia de protección das costas e no mundo do agro mais no ámbito da pesca e a acuicultura non hai aínda ningunha estratexia que estabeleza medidas de identificación dos riscos que vai supoñer o cambio climático nestes ámbitos.  O proxecto conta con 21 estados socios de toda Europa mais Chile e Canadá. Repartíronse en diferentes estudos de caso desde Noruega e Islandia, pasando por Escocia e a Galiza onde tratamos o mexillón. Participaron axentes implicados como mariscadoras, mariñeiras e mariñeiros,  asociacións e tamén a administración pública. Identificamos cales son os riscos que afectan a este sector e recomendamos como poder enfrontarse a eles, ben sexa modificando a lexislación actual ou estabelecendo plans de prevención.

-A que conclusións se chegou con este estudo? 

A primeira conclusión foi que había que elaborar unha ferramenta para axudar a tomar decisións tanto para as administracións como para o sector. Era necesario tela para poder meter os datos que recompilamos e que poidan seguir introducindo organismos e o sector para facer proxeccións de aquí a 50 anos e ver cal é a evolución. Outra conclusión foi a de mostrar cales son os riscos para especies como o salmón, a xarda, a robaliza, a dourada e o mexillón. Houbo reunións con varias direccións xerais da Comisión Europea que están a preparar unha estratexia conxunta de adaptación ao cambio climático e incorporarán nela a pesca e a acuicultura.

-Hai preocupación no sector? 

Este proxecto axudou a que o sector pesqueiro sentise o cambio climático como un problema. Sorprendeunos ver que para este tema, que non lles afecta agora mesmo ao peto, se involucrasen tanto. Hai concienciación de que é importante e hai que atallar agora o problema.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Rosa Chapela, Cetmar: "O cambio climático está a levar as especies cara ao norte de...
comentarios