Cales son os potenciais riscos dun tratado de libre comercio con Mercosur que preocupan ao sector primario?

A UE debate asinar acordos de libre comercio con Mercosur e Canadá. Os tratados afectarían a competitividade do sector primario galego.
O potencial acordo comercial entre a UE e Mercosur xa fora tratado nun cumio dos Estados comunitarios o pasado 23 de marzo (Foto: Dario Pignatelli / Belga / DPA).
photo_camera Cimeira da UE, esta quinta feira en Bruxelas (Foto: Dario Pignatelli / Belga / DPA).

Unha das claves da cimeira de xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea (UE) que transcorre esta quinta feira e esta sexta feira en Bruxelas é a discusión sobre as relacións comerciais da UE, coas posíbeis sinaturas de tratados de libre comercio con Canadá ou Mercosur como protagonistas das conversas.

Segundo fontes diplomáticas, a tradicional resistencia de Francia ou Irlanda a selar un acordo con Mercosur (bloque formado pola Arxentina, o Brasil, o Paraguai e o Uruguai) choca coa visión da Comisión Europea e do Estado español, que ven a chegada de Lula da Silva ao Goberno brasileiro como unha "xanela de oportunidade" para activar as conversas.

Non obstante, un acordo con Mercosur podería traer problemas para o sector primario galego ao permitir a entrada de mercadorías con facilidade para competir con prezos á baixa. 

Produtos afectados

O Brasil é o lugar principal de fóra da UE de onde chega máis polo importado ao mercado estatal. De feito, o Estado carioca, sumado coa Arxentina e con Chile, suman 56% das importacións de polo. 

Por outra parte, as principais orixes da carne de vacún importada desde Estados extracomunitarios son o Brasil, o Uruguai e a Arxentina, que suman 44%.

Outros produtos que se verían afectados por este acordo son o mel, xa que 30% procede da Arxentina, México e o Uruguai, mentres que no caso do viño, 72% das importacións extracomunitarias proceden deste bloque de Estados cos que se quere acelerar os acordos comerciais.

O sector froiteiro tamén se vería prexudicado polos produtos que chegan do Brasil e da Arxentina, que xa desestabilizan o prezo da froita destinada á industria porque o mercado non acepta prezos superiores aos destes Estados que contan con baixos custos de produción.

Comentarios