PAíSES RICOS/PAíSES EMERXENTES

Cales son os países máis endebedados do mundo?

Segundo os últimos dados publicados, na súa maioría de 2015, o Xapón, Eritrea, o Líbano, Jamaica, Cabo Verde e os EUA son os países de fóra de Europa máis endebedados a respeito dos seus PIB. Na eurozona, Grecia, o Estado español e Portugal encabezan a lista.

dolar
photo_camera Dólares

Os países máis desenvolvidos son, polo xeral, os que máis débeda pública contraeron en relación ao seu PIB. Pola contra, os países denominados “en vías de desenvolvemento” están lonxe de presentar as cifras de endebedamento dos territorios máis ricos do planeta.

Fóra de Europa, Xapón encabeza a listaxe de países endebedados, cunha débeda pública de 245,5% do seu PIB; seguido por Eritrea, cunha débeda do 174,92%; do Líbano, cunha débeda do 133,28%; de Jamaica, cunha débeda do 124,35%, de Cabo Verde, cunha débeda do 111% e dos EUA, cunha débeda do 104,97%.

A débeda na eurozona

A nivel da eurozona, o país máis endebedado é Grecia, cunha débeda pública do 176,90% do seu PIB. Segundo a axencia estatística comunitaria Eurostar, o país contraeu un 1,9% da súa débeda entre outubro e decembro de 2015, no medio dos duros axustes impostos pola troika aos que se pregou o Goberno presidido por Alexis Tsipras.

Portugal é outro dos países con maior endebedamento na zona euro, cunha débeda do 129% do seu PIB. Foi o terceiro territorio da UE que tivo que acceder a un plan de “regaste” de 78.000 millóns de euros.

O Estado español, pola súa banda, vén de superar a barreira psicolóxica do 100% en relación ao seu PIB

O Estado español, pola súa banda, vén de superar a barreira psicolóxica do 100% en relación ao seu PIB. A débeda española, que fechara o ano pasado no 99,20% do PIB, sitúase xa no 101,1% do produto interior bruto. Precisamente, o Fondo Monetario Internacional (FMI) anunciou a semana pasada que son necesarias máis reformas económicas pola alta débeda e pola escasa produtividade.

Francia, cunha débeda do 95,8% do seu PIB; Irlanda, cunha débeda do 93,80%; Bélxica, cun 101,7% e o Reino Unido, cun 93,1% son outros dos países da eurozona máis endebedados.

Países emerxentes

Pola contra, o bloque dos países de economía emerxente, os BRICS (India, Brasil,Rusia,China e Sudáfrica) rexistraron de media unha débeda pública menor ao 50% en relación aos seus PIB. Así, Rusia conta cunha débeda do 16,33%; a China, do 43,9%; Sudáfrica, do 50,06%; o Brasil, do 65,6% e a India, do 66,35%.

A taxa media en América Latina é do 29%

Aliás, a taxa media de endebedamento de América Latina sitúase no 29% en relación co PIB e no 38% no caso do Caribe.

comentarios