UNHA ESCOLMA DO PAPEL

Caixa Rural Galega, a última entidade de aforros cooperativa

A entidade nada en Lugo en 1966 está neste momento en expansión: "Notamos a crise ao revés".

caixa rural galega

Galiza mantén unha caixa de aforros. A Caixa Rural Galega (CRG) , lonxe dos negocios especulativos doutras entidades que remataron en grandes escándalos, segue a traballar cun modelo de banca cooperativo e confederado. Conta na actualidade con case 16.000 soci@s cooperativistas, con participacións de algo máis de 60 euros como marca a lei, e participa con outras Caixas Rurais do Estado en proxectos conxuntos para a realización de actividades compartidas.

A súa historia comezou no ano 1966 a partir da idea dun grupo de emprendedor@s relacionad@s coas actividades asociativas e sindicais agrarias que crea a Caja Rural Provincial de Lugo. A súa primeira oficina vai ser na mesma cidade de Lugo, despois virían as do Cádavo, Mosteiro, Castroverde e Palas de Rei. Tres anos despois obtén o tí- tulo de Caixa Cualificada do ministerio de Facenda, en virtude do cal xa podía asinar Convenios de Colaboración para a concesión de préstamos no sector agrario con fondos do Banco de Crédito Agrícola. Foi daquela cando comezou a facilitar ao sector agrario da provincia de Lugo o acceso ao crédito oficial, un dos seus obxectivos principais.

Grupo caja rural

En 1979 inauguran as novas oficinas centrais en Lugo, na rúa Montero Ríos, aínda a sede do seu domicilio social. Nos anos oitenta, lévase a cabo un proceso de cooperación e asociación entre as Caixas Rurais de todo o Estado, perseguindo o obxectivo de garantir o progreso tecnolóxico necesario para un desenvolvemento eficiente delas. Neste contexto a entidade participa como promotora na creación do Banco Cooperativo Español, Rural Servicios Informáticos, Rural Grupo Asegurador, a Asociación Española de Cajas Rurales e Docalia. Está a se forxar neste momento o que hoxe coñecemos como o Grupo Caja Rural. O total do grupo componse de 34 entidades que actualmente alcanza uns activos totais medios de perto de 53.000 millóns de euros.

De igual xeito, ao longo dos anos oitenta e noventa a entidade experimenta un profundo proceso de transformación, ampliando o seu ámbito de actuación desde o rural ao urbano, achegándose a calquera tipo de cliente e de socio, alcanzando capacidade de resposta a calquera tipo de servizo financeiro. Nesta etapa amplíase o ámbito territorial de actuación até a totalidade de Galiza e como consecuencia, múdase a denominación da entidade até a actual Caixa Rural Galega.

Oficinas rurais, oficinas urbanas

As corenta e seis oficinas abertas de CRG non teñen o mesmo nivel de negocio. A entidade naceu para dar servizo ao rural coa oficina principal en Lugo, mais co tempo entrou tamén nas cidades galegas de Compostela e A Coruña. En breve abrirá unha sucursal tamén na cidade de Vigo.

En Melide, por exemplo, teñen como mellor cliente a Cooperativa Melisanto e dan servizo ás necesidades específicas desta zona do rural. “O sector primario é o con quen máis traballamos”, sinala Rogelio Maneiro, director desta oficina, “facilitámoslles a xestión das subvencións da PAC, anticipos de IVE ou apoiamos os seus investimentos”. A situación nese municipio mudou moito nos últimos meses despois da desaparición nesa vila do Banco Gallego e a fusión doutras entidades bancarias. “A xente non quedou satisfeita e nós incrementamos o número de clientes”. Na actualidade contan xa con 1.289. Maneiro explica que esta situación é consecuencia da desconfianza da cidadanía polas malas prácticas e os escándalos.

Sen publicidade agresiva

En Compostela o tipo de cliente é outro. Yolanda Vaamonde, directora da oficina que CRG ten na capital galega, afirma que este último ano aumentou o número de clientes particulares que hoxe suman 639 e te- ñen que adaptarse a ese grande incremento. “Notamos a crise ao revés”. Esta caixa de aforros non realizou ningún tipo de campaña de publicidade agresiva como outras entidades bancarias e o seu bo momento procede “do boca a orella” e da “credibilidade” no seu funcionamento.

"O noso Estatuto permanece inalterábel, a nosa forma xurídica é a mesma que cando comezamos: unha entidade privada con 16.000 propietarios que son os que forman parte da cooperativa". Jesús Antonio Méndez Álvarez-Cedrón, director xeral da CRG amósase orgulloso cando asegura que se as contas van ben "é porque somos transparentes e non participamos en ningún escándalo bancario". Todo isto facilitando créditos en condicións aceptábeis que é o que hoxe a xente bota de menos noutras entidades. O aumento de clientes os últimos meses non variará a política desta entidade de aforros, mesmo cando outras entidades deciden pechar algunhas oficinas. "Nós imos paseniño, hai que rendabilizar cada apertura e podemos dicir que nunca na nosa historia tivemos que pechar ningunha por unha mala xestión".

A idea dunha caixa "galega" esta presente no ideario da CRG desde o seu nacemento. "Realizamos o 99% da inversión en Galiza e non pensamos abrir oficinas fóra". No ámbito lingüístico traballan para galeguizar o sistema informático que partillan co Grupo Caja Rural para aforrar custos. "O noso compromiso é contar con todo o material en lingua galega este mesmo ano, para nós é unha necesidade".

Este texto publicouse no nº30 do semanario Sermos Galiza, publicado 11 de xaneiro de 2013

Comentarios