Caixa Rural Galega aproba as contas 2020 con niveis de crecemento récord

A anual Asemblea Xeral de Caixa Rural Galega decorreu no sábado 3 de xullo coa presenza do Consello Reitor da cooperativa de crédito, presidida por Manuel Varela, e os representantes das Xuntas Preparatorias. Aprobaron as contas anuais de 2020, que acadaron un beneficio neto de 5,75 millóns de euros, co que xa levan sete anos consecutivos incrementando os resultados.
Asemblea Xeral de Caixa Rural Galega
photo_camera Asemblea Xeral de Caixa Rural Galega

Caixa Rural Galega realizou a súa Asemblea Xeral anual no sábado 3 de xullo coa presenza do Consello Reitor da cooperativa de crédito, presidida por Manuel Varela, e os representantes das Xuntas Preparatorias levadas a cabo durante estas últimas semanas nas localidades de Chantada, Ribadeo, Santiago de Compostela e Lugo marcadas, ao igual que no ano 2020, polas medidas de protección contra o Covid-19.

O punto máis relevante da orde do día foi a aprobación das contas do exercicio 2020, das que destaca un beneficio neto que acadou os 5,75 millóns de euros, cifra que supera lixeiramente a do ano 2019 e que supón sete anos consecutivos con incremento de resultados tras a pasada crise financeira.  

As contas recollen uns activos que acadan case os 1.500 millóns de euros e que supoñen un crecemento de 23% respecto do ano anterior. Os depósitos de clientes supoñen case 1.280 millóns de euros e o investimento crediticio acada os 690 millóns de euros, o que supón para ambas as partidas crecementos de 18% e 24% respectivamente. A entidade sinala nun comunicado que fechou o exercicio cunha ratio de morosidade de 3,51% continuando a súa tendencia á baixa, en recuperación tras os anos máis difíciles da recente crise, e pese ás incertezas provocadas pola pandemia e o intenso retroceso do PIB no ano 2020. A ratio de solvencia acada 14,29% cumprindo, como en anos anteriores, os requirimentos do regulador.

Tamén estaba na orde do día a elección de Vicepresidente pola baixa do anterior, Venancio Rocha, que deixou o Consello Reitor de modo voluntario tras máis de trinta anos de presenza no mesmo. Sempre vinculado ao mundo agrario e rural, Venancio Rocha ostentou cargos tan destacados como a presidencia da Cooperativa Os Irmandiños, a da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), ou a vicepresidencia do Consello Galego de Cooperativas, entre outros. Resultou elixido para o cargo Ángel Ramil Castelo, membro do Consello Reitor desde o ano 2002 e actual Secretario do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida "San Simón da Costa".

O Presidente, Manuel Varela, cualificou o exercicio 2020 como exitoso, acadando niveis de crecemento nunca antes vistos na entidade, pese ás dificultades da pandemia con retrocesos históricos do PIB e á persistencia de tipos negativos que dificultan a rendibilidade da actividade e cando aínda non se cicatrizaron as feridas da anterior crise. Con todo, manifestou a súa confianza en que a segunda metade de 2021 sexa a da volta á normalidade e que se poida deixar atrás o pesadelo da pandemia.

O Presidente aproveitou, ademais, para agradecer expresamente o esforzo de todos os profesionais que forman o equipo humano de Caixa Rural Galega, tras un ano de enormes dificultades.

Así, a entidade asegura que afronta o futuro “con optimismo por canto os niveis de crecemento veñen a corroborar que o modelo de banca cooperativa que esta propón, apoiándose nun equilibrio entre a dixitalización e a atención persoal da súa rede de oficinas, segue a ser unha proposta ben acollida entre os galegos e galega”.

Comentarios