O caderno 'Producir' reflexiona sobre o Brexit e a quebra das caixas galegas

No suplemento tamén vas atopar novas sobre Alcoa, a economía e o cambio climático ou o poder de Madrid. Poderás ler todos os contidos no Nós Diario que atoparás mañá nos quiosques e librarías e que sae á rúa acompañado do Sermos Galiza.
Imaxe dunha das reportaxes do caderno Producir. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe dunha das reportaxes do caderno Producir. (Foto: Nós Diario)

Xa chega aos quiosques un novo caderno 'Producir' integrado no Nós Diario. Neste número contamos cunha reflexión de María do Carme García Negro para abrir. Baixo o título "O Brexit como un fracaso", analiza as consecuencias políticas que vai ter a saída do Reino Unido da Unión Europea. Comparte espazo cun texto de María Cadaval no que se pregunta se "Pasarán da Galiza os fondos europeos?", bautizados tamén como Next Generation.

Xabier P. Davila asina a peza "Emerxencia 2021. Economía é ecoloxía. Estúpidos", que tamén está dispoñíbel na web deste esta sexta feira para as persoas subscritas a Nós Diario. O experto avanza algunhas das chaves da reunión prevista para novembro en Glasgow.

Pola súa parte, Joám José Romero Durán conta como é que "Madrid capitaliza o poder" e Iago Santos Castroviejo estuda o que pasou coas caixas galegas, agora que volve funcionar a comisión no Parlamento, na reportaxe "Caixas de aforros: coxestión e destrución do patrimonio colectivo".

Na seción Selfie poderás atopar unha entrevista con Nelson Alonso e Eva González de Veigas do Sabugueiro.

No Quen fai que partillan protagonismo o secretario xeral da CIG, Paulo Carril; a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e as cubas da polémica da factoría de Alcoa en San Cibrao, na Mariña.

Tampouco quedan atrás este sábado os textos máis subxectivos baixo os epígrafes de opinión. O profesor da USC Gonzalo Rodríguez remarca que "Somos o que comemos" e o enxeñeiro agrícola Xosé Carballido advirte: "Fondos de recuperación: así non".

Así mesmo, o estudo de "O comercio exterior e a gaiola do euro" vai da man do economista Manoel Barbeito e Bernardo Valdês Paços comenta "Os lucros por riba das pessoas".

Se queres gozar de todos estes contidos e estar ao día da actualidade económica non tes máis que ir ao quiosque ou á nosa tenda en liña para mercar o Nós Diario de mañá. Se tes preguiza, fornecémosche varias modalidades de subscrición xa mesmo!

Comentarios