mércores 23/09/20

Os cadáveres industriais dos Gobernos de Feixoo

Máis de 20.000 empregos perdidos na Galiza.
Protesta de traballadores de Alcoa (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Protesta de traballadores de Alcoa (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

As campañas electorais son tempos de grandes anuncios. Non hai que ir moi atrás para lembrar o día en que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciara a consecución de varios contratos navais para os estaleiros galegos e unha terminal de produtos petrolíferos no porto exterior da Coruña, todos eles da man da mexicana Pemex. O resultado dos mesmos é por todos coñecido. Nada de terminal e dous estaleiros, Navantia e Barreras, non sen poucos atrancos para sobrevivir.

Nesta liña enmárcase tamén o recente anuncio de tres proxectos locomotora para Galiza, que non son tanto iniciativa da Xunta, senón de empresas privadas. Un amago de preocupación por un sector industrial que está a pasar polo seu peor momento en décadas. Agora son os nomes de Alcoa, Ferroatlántica, Alu Ibérica, As Pontes ou Meirama (que bota o feche hoxe) os que están en boca de todos, mais a lista de empresas desaparecidas durante os mandatos de Feixoo é moito máis extensa.

Así llo lembraba a semana pasada no congreso a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, ao deputado do PP Diego Gago. Durante un cruce de acusacións na sesión de control ao Goberno español, a ministra sinalou que "grazas ao señor Feixoo perdéronse 20.000 empregos industriais na Galiza", un dato que ligou á "inexistente política industrial do PP no país" e ás "competencias que non exerce" o actual presidente da Xunta. 

Entre esas competencias atópase, por exemplo, a de mediar en conflitos laborais nas que hai postos de traballo en xogo, mais a Xunta, no canto de exercer de autoridade laboral para evitar un despedimento masivo, parece estar agora máis preocupada en cargarlle o morto a Madrid, obviando, iso si, que co PP no Goberno español tampouco se puxeron as bases para evitar que a situación das electrointensivas, como Megasa, Alu Ibérica, Ferroatlántica ou Xeal, fose crítica a día de hoxe. 

Cartos soterrados

O feche destas empresas sería catastrófico, non só polos centos de empregos perdidos, senón tamén polo enorme impacto económico nos territorios onde se asentan, e por extensión de toda Galiza, onde a produción industrial non deixa de caer (43% en abril, o maior descenso de todo o Estado español) e os investimentos non chegan.

Precisamente, sobre os investimentos industriais da Xunta chamou a atención o pasado ano o Consello de Contas. Foi nun informe que cifraba en 147 millóns de euros os cartos perdidos até 2017 por Xesgalicia, organismo dependente da Consellaría de Economía e Industria, dun total de 254. É dicir, que case tres de cada cinco euros públicos (58%) foron parar a proxectos fracasados que, como apuntaba Contas, nalgúns casos tiñan "unha exposición e un risco considerábel".

Non son cifras pequenas. Alimentos Lácteos, o intento do PP de crear un gran grupo lácteo galego, levou 4,6 millóns de euros en créditos e avais en 2011, cando xa fora declarada insolvente. No sector alimentario, Isidro de la Cal foi outra das firmas que desapareceu após recibir 9,9 millóns de euros da Xunta nun préstamo participativo.

No téxtil, firmas como Viriato ou Caramelo foron á liquidación após percibir axudas que a Xunta non se molestou en ligar ao mantemento do emprego, como recoñecería o director do Igape, Juan Cividanes. E non eran contías pequenas. No caso de Caramelo, firma do recentemente finado Manuel Jove, foron 5 millóns dunha liña de crédito por valor de 11 millóns de euros.

En Invertaresa, a Xunta perdeu outro millón de euros depositado na filial Isowat Made, á que non soubo buscarlle unha saída que garantise a súa viabilidade. 

(Podes ler o artigo íntegro no teu Nós Diario de hoxe, á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loxa)

comentarios