Seis de cada dez fogares galegos chegan con dificultade ou moita dificultade a fin de mes

Son 10 puntos máis que hai un ano, segundo os datos que publica este luns o Instituto  Galego de  Estatística (IGE).

Xente nos accesos a un centro comercial da Coruña nesta desescalada. (Foto M. Dylan Europa Press)
photo_camera Xente nos accesos a un centro comercial da Coruña nesta desescalada. (Foto M. Dylan / Europa Press)

Os fogares galegos que chegan con dificultade ou moita dificultade a final de mes aumentaron considerabelmente no primeiro trimestre de 2021 até supoñer o 58% do total, 10 puntos máis que un ano antes (48%), segundo os datos que publica este luns o Instituto Galego de Estatística (IGE).

En concreto, un 47,06% dos fogares chega con dificultade, mentres que un 10,01% faino con moita dificultade. En cambio, só un 47,3% alcanza o final de mes con facilidade ou moita facilidade, o que supón 10 puntos menos que un ano antes.

Deste modo, os fogares con dificultades superan o 50% por cuarto trimestre consecutivo, algo que antes do impacto da pandemia non ocorría desde o primeiros tres meses de 2018.

A principios de ano, 41,8% dos fogares da Galiza teñen nas prestacións a súa principal fontes de ingresos. Unha porcentaxe levemente superior á de fogares nesa situación hai unha década, 2010 ( 41,6%) mais que se traduce en que en 2019 (último ano computado polo Instituto galego de estatística, antes da pandemia) había case 447.000 fogares na Galiza na que a súa vía de ingresos máis importante derivaba das prestacións (xubilación, desemprego, incapacidade,...). Perto de 10.000 fogares máis que en 2010.

Gastos

Pola súa banda, o 41,1% dos fogares non se permitiu ningúns extra -gastos como os destinados a imprevistos- no últimos tres meses. Ademais, o 10,4% das familias cambiou os seus hábitos de compra con marcas brancas ou produtos en oferta, á vez que o 10,3% diminuíu gastos comúns como roupa e calzado.

As persoas que teñen pensado saír a cear, cafeterías, ir ao cinema ou ao teatro nos próximos meses caen de forma acusada e quedan no 24,3%, cando eran o 58,8% un ano antes. Hai un afundimento da taxa de persoas que ten previsto ir de viaxe, só o 2,2%, fronte ao 9,6% dun ano antes.

Comentarios