Unha de cada dez empresas do naval tiveron que botar o peche en 2013

O 2013 marchou deixando una destrución do 15% do emprego relacionado coa industria naval e a perda do 10% das empresas do sector, segundo os dados da propia patronal.

O naval mantén aínda parte daquel músculo que o fixera un alicerce da economía galega, tanto en peso no PIB do país como en empregos xerados (directos e inducidos) e en achegas no I+D ou na presenza internacional. Mais a industria da construción e reparación naval está a sofrer o embate dunha crise que se nota especialmente en comarcas como a de Vigo ou Ferrolterra.

A propia patronal Asime recoñeceu nunha entrevista dun seu responsábel na Cadea Ser que foron anos demoledores para ese sector. Así, e só en 2013, tiveron que botar o peche o 10% das empresas (unha de cada dez) e destruíuse o 15% do emprego.

Malia o dramático escenario do naval en Galiza, estes foron anos de auxe para esta industria no mundo e Europa. Por que non no país?

Mais se nos remontamos os anos en que a crise comezaba a ensinar as gadoupas e medimos o acontecido desde entón, o panorama é desolador: Desapareceron por volta do 30% das empresas e desapareceru o 40 por cento do emprego.

Desde a patronal enumeran explicacións, como o acontecido co tax-lease, a falta de financiamento... Mais nestes anos a industria naval experimentou un auxe a nivel mundial, auxe que mesmo se notou en Europa e nos últimos zonas en países tan próximos como Euskadi. Mais na Galiza, non.

Que Xunta e Estado abandonen o desleixo

Por iso, a propia Asime considera que Xunta e Estado deben de activar medidas e políticas específicas para a industria naval, tendo en conta que para Galiza é un sector máis que determinante. SE ben Asime considera que 2014 pode ser o inicio da recuperación para os estaleiros e auxiliares de Vigo (xogando todas as cartas desa confianza á compra de Barreras por Pemex), en Ferrol a agonía é moi presente. A chegada do flotel de Pemex só suporía un parche nunha comarca fagotizada pola crise do naval. O propio comité de empresa non deixa de sinalar a responsabilidade de Xunta e Estado nesa situación.

Comentarios