Sete de cada dez empregos creados no que vai de 2016 en Galiza son temporais

Os sindicatos alertan da temporalidade do emprego que se crea na economía galega.

traballo obreiro traballadores emprego

De cada dez empregos creados en 2016 sete son temporais, unha porcentaxe que vén ratificar a posición do noso país como un dos territorios líderes en Europa, canda Polonia en taxa de temporalidade, un 25,5%. É dicir, de cada 100 traballadores, 25 teñen contrato de caráter temporal). A media europea anda no 14%.

“A creación de emprego e a temporalidade camiñan xuntas en Galiza: cando se xera emprego este é estacional e precario”

Unha realidade que se volveu poñer de manifesto coa enquisa de poboación activa (EPA) do segundo trimestre. Neses tres meses créanse 9.600 empregos temporais por tan só 3.700 indefinidos. Para Miguel Malvido, da CIG, que a práctica totalidade do incremento da ocupación sexa no sector servizos e que a maioría dos contratos fosen temporais indica o carácter meramente conxuntural desta evolución.

Neste trimestre aumentou o emprego en Galiza, mais o temporal fíxoo tres veces máis que o indefinido. Tamén o emprego `parcial medrou tres veces máis que o de xornada completo. ^Para Maica Bouza, de CCOO; “créase emprego, mais este é precario e sen dereitos”. Desde a UXT inciden no mesmo camiño: “A creación de emprego e a temporalidade camiñan xuntas en Galiza: cando se xera emprego este é estacional e precario. Segue enquistada a temporalidade e ascende o traballo a tempo parcial involuntario e outras formas de subemprego”.

Malvido, CIG, lembra que os datos de cifras da EPA que rexistran descenso de persoas no paro non deben facernos esquecer que o noso país está nunha “situación social insostíbel, con milleiros de traballadores no límite da pobreza e en risco de exclusión, xa que na actualidade contar cun salario non garante unha vida digna”.

Comentarios