Un de cada tres contratos laborais dura menos dunha semana

O número de persoas asalariadas aumentou en 1,2%  desde 2012 mais o número de contratos rexistrados aumentou en 48,5%.

Consulta nunha oficina de emprego
photo_camera Consulta nunha oficina de emprego

Desde 2012 a contratación aumentou exponencialmente ano tras ano. Un incremento derivado da suba da contratación temporal, que representa 9 de cada dez contratos laborais que se asinan. En 2017 rexistráronse 1.052.944 contratos, dos cales 970.028 foron baixo algunha das modalidades de contratación temporal; contratos que se repartiron entre os 223.300 persoas asalriadas con contrato temporal (segundo estimacións da EPA), o que deixa unha media de 4,3 contratos por asalariada, segundo se indica no informe da CIG sobre o Mercado Laboral na Galiza.

Dos 970.028 contratos temporais rexistrados en 2017, 35,4% tiveron unha duración inferior á semana. Se incrementamos o abano ata o mes son 46,6% dos contratos. Con respecto a 2012, primeiro ano do que dispomos destes datos, hai varios feitos a salientar para o sindicato nacionalista: Aínda que o número de persoas asalariadas apenas aumentou un 1,2% - 10.000 máis-, o número de contratos rexistrados medrou un 48,5%.

A isto engade que se rexistraron menos contratos de duración indefinida en 2017 que en 2012 e que os contratos que máis medraron foron os de duración inferior á semana (89% máis), que pasaron de representar 28,8% en 2012 a 35,4% en 2017.

Na outra banda están aqueles contratos de duración superior ao ano, que  pasaron de supoñer 0,5% do total no 2012 a 0,4% en 2017. “Estes datos axudan a apreciar o pernicioso desta última reforma laboral do PP, xa que favoreceu un incremento galopante da deterioración das condicións laborais; deterioración que se manifesta loxicamente nos ingresos salarios”. 

Comentarios