Bruxelas prorroga as regras das axudas á agricultura e á pesca

A nova norma para os Estados membros non chegará até 2023.
Porto galego (Xunta da Galiza)
photo_camera Porto galego (Foto: Xunta da Galiza)

A Comisión Europea anunciou nun comunicado que prorroga por dous anos as regras sobre axudas de Estado aos sectores da agricultura e da pesca, até 31 de decembro de 2022.

Será á espera da entrada en vigor da nova Política Agrícola Común (PAC) en xaneiro de 2023.

O Executivo comunitario prolongou, en concreto, a vixencia das directrices sobre axudas públicas á agricultura en zonas rurais, a normativa sobre axudas públicas en agricultura, pesca e acuicultura que non deben ser comunicadas a Bruxelas, e tamén o regulamento das axudas 'de mínimos' en pesca e acuicultura. 

A norma actual tiña data de caducidade, remataba este próximo 31 de decembro e estaban a ser revisadas na actualidade pola Comisión Europea.

O seu deseño final, explicaron as autoridades comunitarias, dependerá das reformas tanto da PAC como da Política Pesqueira Común (PPC).

Bruxelas asegurou no documento enviado aos medios de comunicación que a súa actualización entrará en vigor tamén o día 1 de xaneiro de 2023 e estarán "estreitamente aliñadas" coas novas PAC e PPC.

Após a chegada da crise provocada pola pandemia da Covid-19, a Comisión Europea tamén axustou as regras para permitir axudas públicas a empresas que non tiñan problemas financeiros antes do 31 de decembro de 2019 pero que os comezaran a sufrir en 2020 ou que os sufrirán antes de xuño de 2021.

Comentarios