Bruxelas pide ao Estado español novos recortes e axustes por valor de 35.000 millóns de euros

A Comisión Europea insta ao goberno central a facer maiores esforzos para cumprir co déficit tras analizar os orzamentos para 2014.

photo_camera comision-europea

Bruxelas puxo a lupa sobre os Orzamentos Xerais do Reino de España para 2014, destripounos, analizou partida por partida as previsións, botou contas, aplicou a calculadora de cumprimento das obrigas de déficit e, unha vez feito todo iso, emitiu o seu informe cunhas conclusións que poden ser cualificadas de preocupantes. A Comisión europea calcula que até 2016 o Estado español debe de axustar e recortar por valor de 35.000 millóns de euros.

O Estado español ten até 2016 para corrixir o seu déficit, que nese ano tería que ser do 2,8%

“Debe (o goberno central) adoptar medidas adicionais”, dixeron desde Bruxelas. Para 2014, o borrador de orzamento do Estado español corre o risco, segundo o criterio das autoridades comunitarias, “de non respectar o Pacto de Estabilidade e Crecemento, pois o obxectivo e déficit global podería incumprirse e tampouco se prevé atinxir a mellora estrutural recomendada".

De onde?

Desde 2010 os gobernos españois están a recortar e axustar para cumprir co mandato de reducir o déficit público. O anuncio de que nos vindeiros tres/catro anos hai que meter a tesoira para sacar 36.000 millóns de euros máis abre a pregunta chave: de onde? É o goberno español quen ten que dar a resposta.

O Estado español recibiu até 2016 para corrixir o seu déficit, que nese ano tería que ser do 2,8%. As previsións para o presente 2013 son de que sexa do 6,5%. En 2014 terase que reducir até 5,8% (Bruxelas considera que se vai superar, de aí os recortes adicionais que pide) e en 2015 tería que ser do 4,2%.

Comentarios