Bruxelas inclúe a Galiza no Fondo para a Transición Xusta

A Comisión Europea inclúe a Galiza na lista de territorios que se beneficiarán das axudas do Fondo para a Transición Xusta.
Central térmica de Meirama, en Cerceda (Xoán Roberes).
photo_camera Central térmica de Meirama, en Cerceda (Xoán Roberes).

Finalmente Galiza estará entre os territorios beneficiarios do Fondo para a Transición Xusta co que a Comisión Europea busca apoiar aos territorios máis dependentes dos combustíbeis fósiles na súa transición climática. Xunto con Galiza, beneficiaranse das axudas comunitarias territorios como Asturias, León, Palencia, Teruel, Almería, Córdoba  e Cádiz.

No caso da Galiza, o mecanismo, que debería comezar a andar en 2021 co obxectivo de descarbonizar a economía da Unión Europe e axudar na consecución dos obxectivos comunitarios de redución de emisións de CO2, permitiría contrarrestar os efectos do feche das centrais térmicas de Endesa nas Pontes e a de Meirama de Naturgy, no concello de Cerceda. 

Con todo, a proposta da Comisión, que inclúe 100 rexións en todo o bloque, está suxeita á dotación que finamente teña o Fondo para a Transición Xusta para o período comprendido entre 2021 e 2027. O orzamento final depende das negociacións entre as líderes dos Vintesete e nas que tamén deben quedar fixados os  fondos para a PAC e as Política de Cohesión, entre outros.

Pendente do orzamento

A proposta de Bruxelas pasa por que o fondo conte cunha dotación para sete anos de 7.500 millóns de euros. Ao  Estado español corresponderían 307 millóns segundo este reparto, no que Polonia é o maior beneficiado con 2.000 millóns. Séguenlle Alemaña, con 877 millóns de euros; Romanía, con 757 millóns; República Checa, con 581 millóns; Bulgaria, con 458 millóns; Francia, con 402 millóns; Italia, con 364 millóns; e o Estado español, con 307 millóns. Fechan a lista coas partidas máis reducidas Malta, con 8 millóns, e Luxemburgo, con 4 millóns.

Bruxelas pretende que o fondo mobilice uns 100.000 millóns de euros entre investimentos públicos e privados para apoiar os territorios máis dependentes dos combustíbeis fósiles.

Comentarios