Bruxelas impón o despedimento de 2 mil traballador@s de NGB

As negociacións do goberno español coa comisión de Competencia da UE dan como resultado a destrución de 8 mil empregos en Bankia e na entidade galega. Deles, na Galiza executaránse 800. Na Xunta ollan para o outro lado. O BNG insiste en que o noso país "non pode quedar sen un sistema financeiro propio" e recalca que "a alternativa" é a banca pública


O documento negociado polo goberno español e a Unión Europea, en que se detallan os puntos relativos á reestruturación dos catro grupos financeiros nacionalizados --Novagalicia Banco, CatalunyaCaixa, Bankia e o Banco de Valencia-- contempla unha severa política de adelgazamento que comeza polo propio cadro de persoal.

Así as cousas, na orde do día aparece a destrución de 8 mil empregos entre Novagalicia Banco e Bankia, dos cales ao redor de 2 mil correponderían á entidade galega e 800 se executarían na Galiza. Segundo o acordo, os despedimentos serán a consecuencia do peche de perto de mil sucursais.

Para alén da perda de empregos, Bruxelas exixe tamén que as entidades que reciban fondos públicos fiquen completamente saneadas, centrando o seu negocio na economía familiar e nos seus propios territorios, e desfacéndose do resto das actividades ás que estaban dedicadas. E entrementres isto ocorre, o presidente en funcións da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, "nin está, nin se lle agarda".

A alternativa, a banca pública galega
Vén de o denunciar o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, quen alerta de que Novagalicia Banco "vai ser descuartizada e vendida a prezo de saldo". Quéixase o líder da formación frontita de que, "máis unha vez", o saneamento da entidade financeira vai levarse a cabo "pola vía de atentar contra os dereitos" da clase traballadora.

Na liña, alerta de que o sistema financeiro galego ficará eliminado "por imposicións de fóra" contra as que o titular do goberno nacional non se vai revolver, e coloca a soberanía económica como "alternativa" a un xogo en que só participan Bruxelas e o FMI. Insiste o BNG na necesidade dunha banca pública galega. Neste sentido, Vázquez recalca que o noso país "non pode quedar sen un sistema financeiro propio".

Comentarios