Bruxelas exixe que a quita das preferentes se efectivice antes de rematar marzo

As institucións comunitarias apertan a gorxa d@s estafad@s polo calote das preferentes. Exixen que as entidades financeiras fixen as perdas de maneira inmediata e que a quita se leve a cabo este mesmo mes. As plataformas comarcais de afectad@s, que anunciaran guerra, continúan a súa ofensiva en distintos concellos do país perante unhas perdas que poderían ser maiores do anunciado. 

Preferentes diante da Deputación de Pontevedra
photo_camera Preferentes diante da Deputación de Pontevedra

Arredor da estafa das preferentes continúa a haber numerosas sombras. Após anunciarse a aprobación dunha quita entre as persoas afectadas pola fraude, as máis de 300.000 persoas vítimas do corralito de NGB terán que facer fronte a perdas maiores das anunciadas após se saber que os seus aforros serán canxeados por accións da entidade e non por diñeiro en efectivo. Neste senso, desde Bruxelas exixen que a quitación nas participacións preferentes e subordinadas se leve a cabo coa maior celeridade posíbel e instan a que non se demore para alén do mes de marzo. 

A quita anunciada polo FROB podería superar o 43% nalgúns casos en función das características da emisión das participacións

Porén, a quita que sufrirán @s afectad@s non será igual para tod@s e nalgúns casos poderá ultrapasar o 43% fixado polo FROB, pois este organismo xa adiantou que a porcentaxe estabelecida supuña unha cifra media. Neste senso, dependerá do tempo pasado desde a emisión do produto e máis das súas características. De igual maneira se verán afectad@s as persoas cuxos aforros foron convertidos en participacións subordinadas. 

Aliás, aquela cantidade que fique exenta da quita non poderá ser transformada en diñeiro líquido --como si acontecerá no caso doutras entidades financeiras-- senón que pola contra será trocada por bonos ou depósitos de NGB cuxo valor deberá ser estimado polo propio FROB. Neste senso, as accións de Bankia suxeitas a esta modalidade de canxe posuirán un valor de 0,01 euros (un 96% menos do que cotizan en bolsa). De acordo co anunciado desde o executivo español, o cambio farase inmediato e sen intermediación d@s afectad@s, logo de saír publicada a resolución no Boletín Oficial do Estado (BOE). 

As plataformas aseguraron que "haberá guerra" se non se lles devolven integramente os seus aforros

Os plenos de As Neves e Salvaterra, adiados polas protestas 

As plataformas comarcais de afectad@s amosaron o seu rexeitamento á decisión acordada entre Bruxelas e o goberno de Mariano Rajoy. Acusan o executivo de estafal@s e de converter o canxe en máis unha fórmula para lles negar o dereito a recuperar integramente os seus aforros. Neste senso, aseguraron pouco despois de coñecer a contía da quita que continuarían adiante coas súas protestas e mesmo acrecentarían a súa ofensiva. "Haberá guerra" advertían "se o goberno non dar marcha atrás". 

Así pois, esta segunda feira grupos de afectad@s interromperon os plenos municipais en As Neves e Salvaterra --ao igual que aconteceu en Ponteareas e outros concellos do sur do país, onde as equipas municipais adiaron a sesión e mesmo fuxiron das casas consistoriais por unha fiestra para evitar presenzar os apupos. As plataformas exixen aos gobernos locais un posicionamento político formal de apoio ás persoas estafadas e a demanda dunha solución colectiva que lles permita recuperar os seus aforros. Porén, a maior parte dos concellos (gobernados na súa totalidade polo Partido Popular) rexeitan as demandas das plataformas que, advirten, continuarán adiante na súa loita. 

Comentarios