Bruxelas pretende reducir 25.000 millóns de euros no orzamento da PAC

Os orzamentos europeos para o período 2014-2020 confrontan ás institucións comunitarias mais tamén a estas coa cidadanía. As reducións presupostarias previstas para a Política Agraria Común (PAC) suporían graves consecuencias para un medio rural galego en crise permanente, aseguran desde a Fruga e o SLG.
Durão Barroso
photo_camera Durão Barroso, presidente da Comisión europea

O Pleno do Parlamento europeo debate esta cuarta feira os Orzamentos da UE para 2014-2020. Os presidentes da Comisión e do Consello europeo --cuxas visións se atopan enfrontadas a respecto do alcance dos recortes-- debaterán entre as propostas achegadas, na véspera da Cimeira extraordinaria en que se acordarán os Orzamentos definitivos. Herman Van Rompuy, presidente permanente do Consello europeo, defende unha redución orzamentaria de 80.000 millóns de euros sob a proposta inicial presentada pola Comisión. A maior parte dos Estados membros pulan polo mantemento dos fondos --sen recortes-- agás Alemaña e Reino Unido que aseveran, os Orzamentos deben contemplar unha redución xeral entre 100.000 e 200.000 millóns de euros.

Neste senso, e segundo a achega presentada polo Consello europeo, a Política Agraria Común e os Fondos de Cohesión --dos que Galiza é un dos principais receptores-- sofrirían o recorte máis importante e perderían entre 25.000 e 29.500 millóns de euros. Ana Miranda, eurodeputada e única representante galega no Comité das Rexións --organismo en que se desenvolveu boa parte do debate-- aseguraba nunha entrevista a Sermos que Galiza podería perder máis de 4.000 millóns de euros de se aprobaren os fondos europeos propostos pola Comisión que, no entanto, non recollen o recorte defendido por Van Rompuy desde o Consello. Aliás, Galiza pasaría a ser considerada unha "nación en transición" malia que "a día de hoxe non cumpre os requirimentos para poder sumarse" a esa categoría, aseveraba Miranda.

Os sindicatos agrarios opóñense aos recortes e denuncian a inacción da Xunta

Manuel Da Cal, coordenador da Federación Rural Galega (Fruga) asegura --á espera de que os Orzamentos sexan definitivamente aprobados-- que "a valoración incial non pode ser senón negativa". Desde a Fruga subliñan que a redución orzamentaria vén a se sumar á "grave situación que xa padece o sector" e consideran que os recortes na PAC --mais tamén nos Fondos de cohesión-- suporán "graves consecuencias para o agro e para Galiza". Isabel Vilalba, voceira do Sindicato Labrego Galego (SLG) afirma con rotundidade que nas negociacións da PAC "están facendo a casa polo tellado", di, ao determinar que fondos se destinarán ao agro europeo sen delimitárense previamente as liñas estratéxicas a seguir, asemade, critica que se pretendan recurtar os orzamentos sen se cuestionar que o 80% dos fondos son recibidos polo 20% das explotacións xestionadas por grandes terratenentes

"A medio curto prazo asistiremos a unha grave situación" no rural galego, asegura Da Cal apelando á crise demográfica padecida no interior do país, unha das principais áreas xeográficas receptoras dos fondos europeos, cuxa situación empeora polos baixos prezos dos produtos agrarios --nomeadamente no sector lácteo. "É unha frivolidade que se vaian reducir os orzamentos en tanto non se garantar prezos dignos", sentencia Isabel Vilalba quen reitera a necesidade de se estabeleceren "as prioridades da PAC". 

No entanto, a decisión de Bruxelas podería seguir adiándose, cando menos até a Cimeira que se desenvolverá as vindeiras quinta e sexta feira, pois as autoridades comunitarias aínda deben aprobar algunhas partidas pertencentes ao exercicio do 2012. 

Comentarios