Bruxelas dá luz verde ao terceiro pago de fondos ao Estado español

O cuarto paquete dos fondos 'Next Generation EU' está suxeito á reforma das pensións.
Ursula Von der Leyen e Pedro Sánchez (Foto: Jorge Gil / Europa Press).
photo_camera Ursula Von der Leyen e Pedro Sánchez (Foto: Jorge Gil / Europa Press).

A Comisión Europea deu o visto e prace esta sexta feira ao desembolso ao Estado español do terceiro tramo do plan de Recuperación e Resiliencia, dotado con 6.000 millóns de euros, ao dar por cumpridos os fitos e reformas requiridos.

Agora, o Executivo estatal encara as medidas ás que está suxeito o cuarto pago, entre as que se inclúe a reforma do sistema de pensións que esta a desenvolver o ministro español de Inclusión, Seguridade Social e Migracións José Luis Escrivá.

Desta forma, o Goberno español sométese á condicionalidade de Bruxelas para acceder aos fondos, que inclúe unha reforma das pensións que aumentaría o período do cálculo das retribucións por xubilación discutida desde os sindicatos debido aos recortes que implicaría.

Por outro lado, con respecto ás pensións, o Executivo estatal xa implementou a exixencia da Comisión Europea de desenvolver a reforma do sistema de cotización á Seguridade Social do colectivo do traballo por conta propia para implantar gradualmente un novo sistema baseado na cotización por ingresos reais.

Outra das condicións deste terceiro pagamento era desenvolver medidas de promoción das enerxías renovábeis, entre eles a reprobada axilización de prazos, por parte de colectivos ecoloxistas, para instalar máis parques eólicos.

A avaliación satisfactoria dos 29 fitos e reformas necesita aínda o aval tamén dos outros 26 Estados da Unión Europea (UE) antes de que poida executarse o pago, probabelmente no mes de marzo.

Os 6.000 millóns de euros sumaranse así aos 31.036 millóns xa recibidos polo Estado español, incluído o adianto de 9.036 millóns e os  posteriores 22.000 millóns dos dous primeiros tramos.

Coa decisión da Comisión Europea, o español convértese no primeiro Estado da UE  en recibir unha avaliación favorábel de Bruxelas para recibir o terceiro desembolso dos fondos Next Generation EU, tras a solicitude que presentou o pasado mes de novembro do ano 2022.

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, felicitou o Estado español por dar "outro importante paso no seu camiño cara á recuperación".

Comentarios