Bruxelas corrixe a Rajoy: o Estado español terá o 26% de desemprego en 2013 e a economía caerá un 1,4%

A Comisión europea non cre as previsións do goberno español para 2012 e 2013 e sinálalle a Rajoy que a realidade será moito máis dura: a economía caerá un 1,4% neste ano e outro tanto no vindeiro e o desemprego superarará o 26%
UE
photo_camera UE

O goberno español calcula que a contracción da economía será do 0,5% en 2013. Unha estimación que a Comisión europea vén de desbaratar, advertindo ao executivo de Mariano Rajoy que o escenario vai ser moito peor. Desde Bruxelas sinálase que a economía española decrecerá un 1,4% este ano e outro 1,4% en 2013, para alén de advertir que o desemprego será nese exercicio superior ao 26,6 por cento.

Segundo as contas da Comisión europea, só en 2014 a economía española comezará a dar indicios dunha certa, aínda que pequena e lenta, recuperación. O que non implica que iso se traduza na xeración de emprego.

Incumprimento do déficit

Con estes cálculos na man, Bruxelas dá xa por desbotado que o Estado español cumpra cos seus obxectivos de déficit pactados coa UE para estes tres anos. Para 2013, a UE estima que o défict estará no 6%, e no 2014 no 6,4%. Moi por riba do que prevía o goberno de Mariano Rajoy.

Eloxia a reforma laboral, mais apunta que haberá máis desemprego

O Executivo comunitario eloxia a reforma laboral por introducir unha maior flexibilidade mais avisa de que "debido á actual febleza da economía española e ao relativamente corto período desde a súa entrada en vigor, pode costar algún tempo antes de que os seus primeiros efectos positivos se manifesten".

A taxa de paro situarase de media no 25,1% este ano, no 26,6% en 2013 e no 26,1% en 2014.

Rescate

Bruxelas cre que o rescate bancario de até 100.000 millóns de euros concedido pola UE terá "un impacto positivo na estabilidade do sector financeiro en España". "Con todo, a corto prazo o necesario axuste nos fluxos de crédito tras o estoupido da burbulla do sector da construción manterá limitados os fluxos de crédito á economía real, contribuíndo á febleza do consumo privado e ao investimento", admite.

Comentarios