Bruxelas confirma que o naval galego terá que devolver parte das axudas concedidas co tax lease

Nunha reunión coa CIG, a UE confirma que irán de volta aquelas subvencións consideradas como axudas de Estado e, por tanto, incompatíbeis coa normativa europea. A contratación de buques nos estaleiros galegos desde hai dous anos


A dirección xeral de Competencia da Comisión Europea confirmou á CIG que haberá que devolver parte das bonificacións que se aplicaron co antigo sistema de bonificación fiscal, o tax-lease, que ten paralizada a contratación de buques nos estaleiros galegos desde hai case dous anos. No concreto, irán de volta aquelas subvencións consideradas como axudas de Estado e, por tanto, incompatíbeis coa normativa europea. Así mesmo, será o Goberno español o que teña que concretar a canto ascenden esas cantidades e quen asome o custo, se os estaleiros, as armadoras, os estructuradores financeiros ou o propio Estado. A central advirte de que se a UE obriga a devolver todas as axudas serían "centos de millóns". 

Así llo trasladaron @s responsables da dirección a representantes da central nacionalista co gallo dunha xuntanza realizada en Bruxelas. Nela confirmaron que unha parte desas bonificacións "hai que as recuperar", segundo sinalou o secretario xeral de CIG-Metal, Xoan Bouzas. Aliás, apuntou que as autoridades europeas teñen neste momento toda a documentación precisa para resolver a parte técnica do expediente, unha resolución que chegará "antes do verán". No entanto, precisou que, até o de agora, os informes remitidos polo Goberno español e por Pymar --Pequenos e medianos estaleiros sociedade de reconversión-- eran "xuridicamente pouco sólidos".

En calquera caso, a decisión final sobre o expediente do tax lease será "política", como sinalou o secretario comarcal do Metal, Manuel Simón, quen subliñou que debe ser o Estado español o que determine en que períodos aplicáronse as axudas ilegais, en que cantidades e que axentes deben devolvelos. Aínda que a CIG cre que os estaleiros quedarían á marxe desa devolución, advertiu de que "agora todos deben presionar" para que o impacto sexa o menor posíbel, porque "a incerteza" impediría que os investidores volvan contratar na ría de Vigo.

Comentarios