Bruxelas apunta cara á economía española e exixe novas reformas

Todos os indicadores sitúan o Estado español entre os Estados membros considerados "con graves riscos". A Comisión europea podería imporlle sancións de até mil millóns de euros a partir de maio de non se adoptaren "plans de reformas". A UE considera "insuficientes" as medidas implementadas até o momento.

Así o anunciou esta cuarta feira a Comisión europea após a publicación do informe económico relativo ao mes de marzo. Os resultados tirados do estudo deixan ao Estado español entre os países membros da UE considerados "con graves riscos", como o son todas as economías resgatadas a comezar por Portugal. Xunto a el sitúase Eslovenia que tamén será obxecto do toque de atención por parte da institución comunitaria. 

Neste senso, a Comisión podería mesmo aplicar sancións á economía española por ultrapasar os límites fixados a nivel europeo nalgúns dos indicadores empregados para desenvolver o seguimento dos acordos entre os Estados membros e as institucións comunitarias, como o é a súa elevada taxa de desemprego (26%) ou as cifras de débeda privada e pública alcanzadas nos últimos meses --en grande medida incrementadas polo resgate á banca con fondos públicos. 

As medidas que podería impor a Comisión como sanción abranguen unha multa do 0,1% do PIB (1.000 millóns no caso español) para aqueles países que non cumpran coas exixencias da UE. Para evitala, a Comisión demandará novos plans de axuste que se deberán entregarse a Bruxelas antes de rematar o mes. 

Comentarios