O Brexit e a pandemia frean en seco as exportacións galegas no arranque do ano

As exportacións galegas rompen en xaneiro a progresión dos últimos meses de 2020 e caen 18%, o seu maior descenso desde maio.
O sector da automoción volveu a cifras negativas despois de case un ano liderando o avance das exportacións galegas (Foto: Stellantis).
photo_camera O sector da automoción volveu a cifras negativas despois de case un ano liderando o avance das exportacións galegas (Foto: Stellantis)

As exportacións galegas comezaron 2021 rompendo a tendencia alcista marcada nos últimos meses do pasado ano. En xaneiro, o volume de mercadorías exportadas descendeu 18% con respecto ao mesmo mes de 2020, o que supón a terceira maior caída desde que se declarou a pandemia e a maior desde maio de 2020.

Detrás destes datos, recollidos no Barómetro Exportador (Baexga) do Foro Económico da Galiza, está a terceira vaga da pandemia, declarada despois do Nadal, e a consumación do Brexit. De feito, practicamente a metade do descenso das exportacións débese ás caídas das vendas a tres países: Portugal (-25,6%), Italia (-41,1%) e Reino Unido (-40,2%).

A automoción, que nos últimos meses foi o sector que sustentou o crecemento das exportacións, volveu a cifras negativas por primeira vez desde maio, cun descenso interanual de 8,3%. Con todo, mantense por riba dos niveis previos á pandemia. 

O téxtil, outro dos motores da economía galega, tamén volveu a negativo após os bos datos de decembro e faino de novo cunha caída, moi pronunciada, de 38,1%, o que, dado o seu peso, o converte no sector con maior contribución negativa ao valor total das exportacións galegas.

Indicadores en negativo

En xaneiro non hai ningún sector que rexistre un crecemento interanual, os datos son todos negativos. Tamén no agroalimentario, que rexistra o seu segundo descenso desde o inicio da pandemia (6,1%). "Dentro do sector, os produtos das industrias alimenticias evolucionan positivamente, pero non o suficiente como para compensar os descensos do valor das vendas dos produtos primarios como legumes, hortalizas, carnes ou peixes", apuntan desde o Foro.

Na mesma liña, o sector metalúrxico corta tamén os seus avances dos últimos meses e marca en xaneiro un descenso interanual de 13,4%.

Pola súa banda, o sector da madeira e derivados é o que presenta un comportamento menos desfavorábel, manténdose practicamente estábel, cunha lixeira caída de 0,6%. Máis acusada é nos sectores de combustíbeis e de bens de equipo, que seguen sen amosar indicios de recuperación. O primeiro cunha caída de 39,6% interanual en xaneiro xa se sitúa por debaixo de 50% dos niveis previos á pandemia, mentres que os bens de equipo, cun descenso de 17,2%, cae por debaixo de 75%.

Lonxe da recuperación

En termos xerais, as exportacións están aínda lonxe de recuperar os valores previos á crise. En xaneiro, situáronse en 91,5% dos datos precovid-19. Con todo, segundo destacan desde o Foro Económico da Galiza, o país mantén "unha traxectoria máis favorábel" que a do conxunto do Estado español, onde esa porcentaxe é de 88,6%.

Iso debeuse en gran medida a que o comportamento das exportacións desde maio de 2020 foi mellor na Galiza que no resto do Estado español, mais en xaneiro, por primeira vez desde aquela, a redución experimentada polo tráfico de mercadorías na Galiza (18%) foi superior á rexistrada no mesmo período a novel estatal, onde o valor das exportacións descendeu no primeiro mes do ano un 11,4%.

Comentarios