Tes o bono 'Activa Comercio' e aínda non o gastaches? Esquécete del, xa quedou sen saldo

A Xunta mobilizou na convocatoria deste ano 2,5 millóns de euros, a metade que o pasado ano e a cuarta parte do destinado en 2021. O saldo esgotouse en menos de tres semanas e moitas persoas quedaron sen poder usar os seus bonos.
Estabelecemento adherido ao programa dos bonos de descontos 'Activa Comercio'. (Foto: Xunta)
photo_camera Estabelecemento adherido ao programa dos bonos de descontos 'Activa Comercio'. (Foto: Xunta)

Menos de tres semanas duraron na convocatoria deste ano, a terceira, os bonos 'Activa Comercio', unha das medidas das que máis se gabou o Goberno galego para potenciar os estabelecementos de proximidade. Nesta última edición había de inicio unha novidade importante: non había límite de persoas para solicitar os bonos.

Mais que calquera poida posuír un destes bonos en formato QR, que se traduce en descontos de até 15 euros —en función do prezo da compra—, non significa que calquera vaia poder botar man del á hora de mercar. E iso a pesar de que a propia convocatoria presumía de permanecer en vigor até o vindeiro 15 de setembro.

A convocatoria de 2023 veu reducida de forma considerábel a contía destinada a sufragar os bonos. Foron 10 millóns de euros en 2021, 5 millóns o pasado ano e a metade, 2,5 millóns, no presente. As propias bases reguladoras incluían outra novidade a raíz da supresión do límite de bonos a expedir: estarán dispoñíbeis do 15 de maio ao 15 de setembro... "agás no caso de que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2,5 millóns de euros".

E esa foi a sorpresa de centos de persoas que se rexistraran no portal de 'Activa Comercio' e xa descargaran os seus bonos cando se dirixiron durante a fin de semana aos estabelecementos adheridos. "O saldo dispoñíbel para a campaña 2023 esgoutouse e xa non é posíbel trocar máis bonos", reza unha mensaxe na app do programa cando a persoa usuaria tenta utilizar o seu desconto.

activa comercio.
Mensaxe que reproduce a 'app' dos bonos.

Pasados só 20 días, os bonos que en principio poderían usarse os próximos catro meses ficaron sen saldo. Só puideron beneficiarse os galegos e galegas máis espelidas e que máis se apresuraron a facer efectivos os descontos nos máis de 7.000 locais que participaron da campaña, segundo a Xunta, e que axudaron a mobilizar uns 12,5 millóns de euros en vendas.

Comentarios