As e os bombeiros galegos estudan denunciar á Xunta e convocar unha folga indefinida

23 parques de bombeiros de xestión privada, dos 31 que existen en Galiza, esixen a Administración pública que cumpra a lei e denuncian a falta de interese das concesionarias por acadar un convenio autonómico

Extinción do incendio de Valdeorras
photo_camera Extinción do incendio de Valdeorras

O persoal dos parques de bombeiros privados de Galiza están listos para unha folga indefinida. Só falta concretar a data definitiva que, segundo fontes do sector, será case con toda seguridade antes do final do mes de agosto. Ademais, estudan unha denuncia contra a Administración pública polo que consideran “unha falta de interés en resolver un conflicto de empresas privadas pero que ofrecen un servizo público”.

Dos 31 parques de bombeiros en terras galegas 23 operan baixo xestión privada. Unha medida tomada no seu momento polo goberno de Manuel Fraga despois de recibir fondos europeos para abrir novos parques. Serán as e os traballadores de estos últimos, após de que a convocatoria da folga fora respaldada por 22 votos a favor, quenes secunden a folga.

A orixe do conflito remóntase a novembro de 2011. Daquela representantes de diferentes parques privados dirixíronse á Xunta coa proposta dun convenio autonómico que homologara as súas condicións laborais. Facíano en virtude da Lei de Emerxencias de Galiza de 2007 que, na súa disposición adicional terceira, impuña un prazo de tres anos para acadar este acordo. A Consellaría de Presidencia desestimou a proposta do colectivo, que decidiu formar a Mesa Intersindical para negociar directamente coas empresas.

Após máis de un ano, as negociacións remataron o pasado xuño polas constantes negativas das concesionarias: Veicar, Einfor, Natutecnia e Matinsa. “Estaban dispostas a chegar a certos acordos de mínimos, puntuais, pero sobre cuestións xa recollidas nos pregos de condicións da Xunta. Comprometíanse ao que xa estaban obrigados por lei, mais non a escoitar a nosa proposta dun convenio marco para todos”, explica José Luis Pareja, portavoz sindical e bombeiro do parque de Ordes.

"Non é normal que non poda contactar por radio co parque de bombeiros da cidade veciña porque o xestiona outra empresa privada"

Problemas de coordinación entre os parques

Esta situación provoca que as e os bombeiros dunha mesma provincia teñan xornadas, materiais e protocolos de actuación diferentes. “Temos graves problemas de coordinación desde hai anos. Non é normal que non poda contactar por radio co parque de bombeiros da cidade veciña porque o xestiona outra empresa privada, nin tampouco da miña en outra provincia”, denuncia Pareja.

As e os traballadores aseguran que esta carencia provoca situacións como que no parque de Arteixo teñan cinco camións, por valor de centos de miles de euros, mais só tres conductor@s para atender a oito concellos e 130.000 habitantes. Namentres, en Pontevedra, para un poboación de 85.000, traballen como mínimo seis persoas en cada quenda. 

Outra das demandas ten a ver coas garantías de estabilidade laboral. As e os bombeiros dos oito parques públicos poden xubilarse anticipadamente aos 60 anos, ocupando nos seus últimos anos postos que non implican estar ao pé do lume. Vantaxe coa que non contan os traballadores nos parques privados, que temen o seu despido cando acaden unha idade avanzada.

“A falta de interese da Xunta por cumprir a lei e das empresas por igualar as condicións laborais, obrígannos a denuncialo ante a xustiza e convocar unha folga indefinida”, sentencia Pareja.

Comentarios