Anova critica tamén as contas, pactadas por Podemos

O BNG tilda de "labazada na cara das galegas e galegos" os orzamentos do Goberno Sánchez

Nunha avaliación de urxencia dos orzamentos do Estado para 2019 —proxecto pactado polo PSOE e Podemos—, a portavoz nacional do BNG cualificounos de "impresentábeis". As contas do Goberno Sánchez —que rexistan unha caída de 19 por cento no investimento no país— serían "unha labazada na cara das galegas e dos galegos". Pontón enfatiza que o proxecto conta co apoio de "En Marea e Podemos". Anova emitiu un comunicado crítico ao xulgar que os orzamentos carecen de "contundencia" á hora de defender as maiorías sociais "e os intereses de Galiza".

ana pontón tarifa eléctrica
photo_camera Ana Pontón

As primeiras contas do Goberno Sánchez son aínda piores para Galiza que os orzamentos dos gabinetes Raxoi, avalía Ana Pontón

"Tras asistir aos recortes dos gobernos de Raxoi, agora co cambio, cun goberno do PSOE e co apoio de En Marea e  Podemos, o resultado é peor do que o que tiñamos con anterioridade, o máis baixo da última década, cun recorte de 20 por cento do investimento mentres outros territorios teñen importantes aumentos", afirma Ana Pontón a través dun comunicado do gabinete de imprensa da formación nacionalista.

Estaríamos perante unha nova proba, xulga a dirixente soberanista, de que as forzas estatais son "inútiles" para Galiza porque "só se alternan na discriminación e no maltrato a Galiza". 

En termos tamén críticos, embora máis matizados, expresouse tamén Anova, por medio dun comunicado de imprensa. A formación liderada por Antón Sánchez ve "falta de contundencia" na proposta orzamental do Goberno Sánchez á hora de "defender as maiorías sociais e os intereses de Galicia (sic)" nas contas formuladas polo executivo socialista.

Anova insta o goberno do PSOE a que incorpore as demandas do que ten cualificado como "Axenda Galega do Cambio".

Esta terza feira, voceiros de En Marea comparecerán en rolda de imprensa en Madrid para dar conta da súa avaliación arredor destas contas. 

O proxecto de orzamentos para 2019 nace dun pacto político entre o PSOE e as confluencias lideradas por Podemos. As contas para Galiza, cun descenso moi acusado dos orzamentos para o país, colocan agora nunha situación politicamente delicada a representación política de En Marea en Madrid, fortemente hexemonizada polo sector crítico [dos 5 parlamentares só Alexandra Fernández, da corrente non oficial de Anova, estaría posicionada con Luís Villares].

Comentarios