BNG sinala que a comisión das caixas do Parlamento debe servir para evitar o fin do sistema financeiro galego

A fronte nacionalista considera que a proposta do PP chega tarde coa Comisión e agarda que sirva para resolver problemas como a estafa das preferentes

O viceportavoz do grupo parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, valora que o PP rexistrase finalmente a posta en marcha da Comisión de Investigación das Caixas mais advirte que chega tarde, "que os traballos xa tiñan que ter comezado, tal e como reclamou o BNG en reiteradas ocasións".

Aymerich defende que estes traballos non só “miren ao pasado”, que non servan só para facer “arqueoloxía” do que sucedeu senón que tamén achegen solucións tanto para evitar a liquidación de Nova Galicia Banco como para resolver asuntos como a estafa das preferentes. 

O deputado nacionalista lembra que o BNG sempre defendeu unha Comisión de Investigación que esclareza todo o que aconteceu coa xestión das Caixas e depure responsabilidades polas indemnizacións millonarias dos ex directivos, pero tamén unha investigación que evite que Galiza fique sen unha ferramenta como Nova Galicia Banco, que segue tendo o 40 por cento do negocio finaceiro galego.

Comentarios