BNG reclama a Xunta e goberno central compromisos firmes con Alcoa

Francisco Jorquera reuniuse con representantes do cadro de persoal da factoría principal e das industrias auxiliares de Alcoa, que xera 2.000 empregos directos na Mariña.
xuntanza do BNG con representantes de Alcoa
photo_camera xuntanza do BNG con representantes de Alcoa

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, comprometeu o apoio do BNG para asegurar a continuidade da fábrica de Alcoa na Mariña. Jorquera, acompañado do vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel comarcal do BNG, Antonio Veiga, mantivo unha reunión con representantes dos traballadores da empresa principal e das auxiliares para analizar a situación da factoría.

O candidato nacionalista recoñeceu que “existe unha preocupación entre os traballadores porque hai unha serie de factores que poñen en risco a continuidade de Alcoa na Mariña”, unha factoría que é o gran sostén económico da comarca, pois xera máis de 2.000 empregos directos e representa preto do 34% do PIB da provincia de Lugo.

Tarifa eléctrica e gaseoducto

En concreto, Francisco Jorquera lembrou que “Alcoa está afectada negativamente polas modificacións no réxime da tarifa eléctrica que se aprobaron no Estado, e a fin de ano vence o actual contrato co subministrador eléctrico”.

Neste sentido, anunciou que “o BNG considera imprescindíbel que se asegure que os grandes consumidores eléctricos como Alcoa sigan tendo unha tarifa preferente que non lles represente máis custos, porque simplemente a electricidade representa o 40% dos custos de produción de Alcoa e unha tarifa eléctrica competitiva é imprescindíbel para o mantemento da actividade na factoría”.

Outro dos asuntos que se analizou na reunión foi o do subministro de gas, imprescindíbel para substituír ao fuel-oil que alimenta as caldeiras de Alcoa, polo gas, máis barato e menos contaminante. Neste sentido, Francisco Jorquera amosou “a preocupación do BNG porque o gaseoducto para fornecer o gas a Alcoa non avanza, malia que o goberno do PP na Xunta comprometeuse hai un ao que no prazo dun ano estarían avanzadas as obras, pero estas nin sequera se iniciaron”.

Evitar a deslocalización de Alcoa da Mariña

O candidato do BNG á presidencia da Xunta advertiu de que estes dous problemas “prodúcense nun contexto no que Alcoa está intentando deslocalizar a súa actividade”. Así, lembrou que as factorías da Coruña e Avilés sufriron un recorte na produción do 50%, hai sendos ERE´s que afectan aproximadamente ao 50% do cadro de persoal, mentres Alcoa está facendo un forte investimento noutros países, como Arabia Saudita, onde vai contruir una factoría que terá o triple de capacidade de produción que a de San Cibrao.

“o BNG considera imprescindíbel que se adopten todas as medidas necesarias para evitar a deslocalización de Alcoa, e para que siga producindo ao 100% da súa actividade na Mariña"

 Por iso, Francisco Jorquera subliñou que “o BNG considera imprescindíbel que se adopten todas as medidas necesarias para evitar a deslocalización de Alcoa, e para que siga producindo ao 100% da súa actividade na Mariña, pois é fundamental para a economía da comarca”.

 Iniciativas do BNG no Congreso dos Deputados

 Ante esta situación, Jorquera lembrou que “no Parlamento de Galiza houbo acordos unánimes para apoiar a continuidade da actividade de Alcoa na Mariña, pero non se fixo nada a nivel de Estado”.

 “Polo tanto -anunciou-, como portavoz do BNG no Congreso comprométome a trasladar estas demandas ao ámbito do Estado para que sexan tidas en conta polo Goberno, especialmente no relativo a prezos da electricidade”.

 O candidato do BNG á presidencia da Xunta concluíu que “igual que hai políticas que discriminan positivamente na tarifa eléctrica a rexións como as illas Canarias, tamén se debe contemplar que en Galiza, e en especial na Mariña, hai grandes industrias como Alcoa para as que dispor de enerxía a prezo competitivo é fundamental para que podan manter a súa actividade no noso país”.

Comentarios