martes 29/09/20

O BNG leva ao Congreso a eliminación das comisións bancarias

Critican que a política de comisións dos bancos está a prexudicar a persoas vulnerábeis que precisan dunha conta para cobrar os subsidios.
néstor rego congreso bng
néstor rego congreso bng

Nun momento en que as entidades están a endurecer a súa política de comisións, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) decidiu tomar cartas no asunto e solicitar a súa eliminación nunha Proposición Non de Lei (PNL) que vén de presentar no Congreso das Deputadas e Deputados. 

O deputado nacionalista Néstor Rego defende que as contas bancarias son un servizo "básico e imprescindíbel" para toda a cidadanía, polo que resulta "abusivo" o cobro destas comisións ás persoas usuarias, sobre todo cando "é case obrigatorio, cando menos, ter cunha conta aberta nun banco ou caixa de aforros onde poder recibir os ingresos da nómina, pensión ou subsidio". Tamén para facer certos pagos que deben constar como transferencia bancaria para que poidan ser tidos en conta polas Administracións.

Neste senso, a proposta do BNG reclama a eliminación das comisión bancarias, sobre todo para aquelas persoas que se atopen en risco de exclusión social e que se ven na obriga de pagalas para poder cobrar subsidios como o Ingreso Mínimo Vital, que se destina a aquelas persoas con maior vulnerabilidade, e que ten como requisito o feito de ser cobrado nunha conta bancaria.

Como explica Rego, "os bancos ofrecen normalmente a posibilidade de eliminar comisións nas súas contas se os usuarios ou usuarias garanten determinados ingresos mensuais elevados ou se contratan outros produtos financeiros". "Resulta claramente inxusto que os que menos teñen sexan os que máis comisións acaben pagando", afeou o deputado nacionalista, que insta a facer extensiva esta supresión a todas as persoas usuarias de contas bancarias.

Contido da proposta

En concreto, o BNG insta a regular a través desta PNL a obriga por parte das entidades bancarias de aplicar de forma automática Contas de Pago Básicas sen comisións para aquelas persoas que, por recibir subsidios ou axudas públicas, como o Ingreso Mínimo Vital ou as Rendas de Inserción, xa teñan acreditada a súa situación de vulnerabilidade.

Ademais, engade a obrigatoriedade para as entidades bancarias de ofertar esta posibilidade a todos os seus usuarios e usuarias, xa que, como denuncian, non se está a divulgar e tampouco existe o coñecemento entre a poboación xeral desta posibilidade.

comentarios