O BNG pídelle a Rajoy que o sector lácteo galego estea na axenda da súa reunión con Merkel

Vacas pacendo

Rajoy debe incluír os problemas do sector lácteo galego na axenda da súa reunión con Angela Merkel, que visita Galiza os próximos 24 -domingo- e 25 de agosto -segunda feira. Así llo piden BNG e FRUGA, que esta sexta feira ofereceron unha comparecencia informativa conxunta.

A deputada do BNG Tereixa Paz, a portavoz nacionalista perante a Eurocámara, Ana Miranda, e o coordenador de sectores gandeiros da FRUGA, Elías Somoz, compareceron perante os meios para denunciar o “acoso” ao que estaría submetido o sector lácteo galego e para demandar a Rajoy que adopte decisións políticas que melloren súa situación.

Tereixa Paz emprazou a Rajoy e a Feijóo a “mudar a axenda” e a abordar na cimeira con Merkel os problemas do lácteo galego, ameazado por “multas por sobreprodución, alugueres fraudulentos de cotas e inasumíbeis baixadas de prezos na produción”, segundo un comuicado de imprensa facilitado pola formación frentista.

“O único que temos é un banco de terras crioxenizado polo Partido popular e concentracións parcelarias paralizadas”

Quer o BNG que Rajoy, no canto de pelexar por colocar Arias Cañete e a De Guindos na Comisión Europea, poña por diante a defensa dos intereses do sector lácteo galego. Aliás, Tereixa Paz perguntouse “onde están” os 700 millóns de euros que se ían destinar ao plano estratéxico para a produción leiteira da Galiza. Non están en ningures: “O único que temos é un banco de terras crioxenizado polo Partido popular e concentracións parcelarias paralizadas”.

Por súa parte, segundo informa o BNG, o coordenador de sectores gandeiros da FRUGA dixo que a situación do sector vén definida pola ameaza da supertaxa e a baixada dos prezos desde o inicio da campaña o 1 de abril. A FRUGA reclama que non se aplique a multa por sobreprodución e pide unha aterraxe suave da fin das cotas europeas.

A ese mesmo conceito de aterraxe suave apelou a portavoz do BNG perante a Eurocámara., que anunciou a apresentación de diversas iniciativas en Bruxelas. Para Ana Miranda, as administracións non están a defender os intereres do sector lácteo galego: “A baixada de prezos das industrias, a ameaza de multas por supertaxa, o veto ruso e o reposicionamento dalgúns países europeos no mercado do leite deixa ao noso sector nunha situación moi complicada” lamentou.

Comentarios