BNG lamenta que Rajoy intente enganar á cidadanía e advirte que o rescate é un "saqueo" ao pobo

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Franciso Jorquera, denunciou que o rescate á banca é un auténtico “saqueo” ao pobo, que vai traer consigo máis recortes de dereitos económicos e sociais.

Jorquera advertiu de que o goberno está tentando enganar á xente sobre as consecuencias do rescate, “cando é o conxunto da sociedade a que vai ter que pagar a factura dese préstamo multimillonario á banca”.

 Neste sentido, o candidato nacionalista agoirou que as consecuencias do rescate van ser, entre outras, a suba do IVE, o endurecemento do sistema de pensións e un recorte aínda maior das condicións laborais dos traballadores, “iso é que significa para o pobo o rescate”.

 Mundos de Yupi e ausencia de Rajoy

Para Jorquera, non é de recibo que neste contexto o ministro De Guindos tente, pola súa parte, vender os “mundos de Yupi” e facer crer que o rescate vai traer a “Alicia no País das maravillas” e Rajoy estivera onte totalmente ausente, anunciando que acudiría a Polonia ao partido da Eurocopa.

 “Agora comparece, pero tarde, mal e arrastro, condicionado polos acontecementos, pola indignación social que provocou a súa ausencia e non ter dado a cara ante a situación”.

 Comisión de investigación

O candidato do BNG reiterou que cómpre que Rajoy compareza de inmediato no Congreso e que se constitúa xa unha comisión de investigación sobre as prácticas do sector financeiro para depurar responsabilidades “por un escándalo que imos ter que pagar todos os cidadáns”.

Comentarios