O BNG intenta forzar un pacto multilateral para a saída de Ence da ría e bate coa negativa do PP

O deputado Luís Bará, voceiro do principal grupo da oposición en materia de Medio Ambiente, levou ao Parlamento a proposta de que senten a Xunta, o Estado, os sindicatos e a propia compañía para negociar. Amosou preocupación despois de que o presidente de Ence advertira da posibilidade de que decorra un “susto ambiental maiúsculo” por falta de inversión na factoría de Lourizán.

Luís Bará no parlamento galego. (Foto: BNG)
photo_camera Luís Bará no parlamento galego. (Foto: BNG)

O traslado, ou non, de Ence da ría de Pontevedra segue na actualidade galega. Para chegar a un acordo que propicie o abandono de Lourizán por parte da empresa, o BNG urxiu esta cuarta feira a unha negociación multilateral na que participen “Xunta, Estado, forzas sindicais e Ence”.

Así o puxo sobre a mesa o deputado nacionalista Luís Bará, responsábel dos asuntos medioambientais do Bloque, nunha intervención no Parlamento. A idea tomou máis forza no seo do principal grupo da oposición na Galiza despois das últimas declaracións do presidente e conselleiro delegado da compañía, Ignacio de Colmenares, que falou aos sindicatos da posibilidade de que se dese un “susto ambiental maiúsculo por deficiencias nas instalacións relacionadas co desinvestimento da fábrica de Pontevedra”.

Desde o punto de vista de Bará estas declaracións foron a cima dunha “escalada de chantaxe, presión, intimidación e violencia". Así lembrou o asalto ao Consistorio de Pontevedra por un pequeno grupo de traballadores.

Sobre este suceso o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, recoñeceu publicamente que temeu pola súa integridade física. 

Dada a suposta “presión mafiosa” de Ence no contexto de disputa actual, o nacionalista insistiu na necesidade dun novo proxecto industrial e unha política forestal distinta que permita recuperar os terreos que ocupa a celulosa para o pobo. Así lamentou que o Partido Popular amosase a súa negativa á proposta de sentar todas as partes.

“Son vostedes unha fraude”, espetou aos populares. Mesmo puxo o foco sobre o ex conselleiro Agustín Hernández porque este asegurara no seu día que "se ENCE non se traslada será unha fraude e, agora, o PP afirma que o BNG quere pechar a fábrica cando durante cinco anos defendeu o traslado”. O

Por outra banda criticou que o portavoz dos populares, Manuel Santos utilizara un estudo “para constatar que non pode ser traslada”, pois supostamente ese informe “foi elaborado pola consultora” da mesma empresa.

Comentarios