BNG insta a Feijóo a que se implique para evitar o "desafiuzamento" do sector gandeiro galego

@s nacionalistas amosan o seu apoio ás mobilizacións do sector lácteo do vindeiro 27 e acusan a Xunta de abandonar @s gandeir@s "ao pé dos cabalos". No último lustro este sector veu como mermaba o seu poder adquisitivo en máis dun 40%
bng

O BNG insta mediante varias iniciativas rexistradas no Parlamento galego o goberno autonómico a que “asuma a responsabilidade de liderar o sector lácteo e que impulse novas medidas como a creación dunha interprofesional, impulsar un marco galego de relación entre os operadores do sector lácteo”. Unha petición da cal a fronte nacionalista informou á vez que anunciaba o seu apoio ás mobilizacións que este sector desenvolverá o vindeiro día 27.

Para o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, o sector do leite na Galiza "está a ser xibarizado" e exixiu ao goberno galego que tome as rendas, ao tempo que acusou a Feijóo de “abandonar os e as gandeiras aos pés dos cabalos”. Vázquez exixiu “igualdade de condidións e capacidade de decisión para Galiza” ante unha situación que describiron como “insostíbel”. O nacionalista enfatizou que “temos o mesmo dereito que Dinamarca ou Holanda a producir” afirmou Guillerme.

Desplome nos prezos

Desde 2005, entrementres os ingresos d@s gandeir@s galeg@s pola venda de leite medraron un 0,9%, os custos de explotación fixérono nun 29,6%, co cal a súa renda caeu nun 43%.  Isto está provocado en boa medida porque o prezo que reciben é dos máis baixos da Unión europea e o máis baixo do Estado español: un 5,5% menos que a media estatal, un 5,48% inferior ao de Portugal, un 1,10% inferior ao de Francia, un 5,65% ao de Alemaña e un 12,16% inferior ao de Holanda. 

A voceira de Medio Rural do BNG no Parlamento, Tareixa Paz, explicou que as iniciativas d@s nacionalistas apostaban por medidas como "a creación dunha interprofesional, impulsar un marco galego de relación entre os operadores do sector lácteo”.

Pola súa banda, Matías Da Torre, tenente alcalde de Silleda, cualificou de "agónica" a situación que se vive na comarca do Deza, onde hai 2.000 explotacións que xeran 12.000 empregos. “Os gandeiros están totalmente endebedados e o gran desafiuzamento do sector lácteo está por chegar agora se non se toman as rendas da situación”, afirmou Matías da Torre.

Comentarios