O BNG exixe á Xunta que presione o Estado para construír o dique flotante

Francisco Jorquera denuncia que o Partido Popular utiliza de “escusa” a Unión Europea para negar a construción do dique flotante cando existe outro na Baía de Cádiz construído con recursos públicos.
BNG naval

Menos laiarse e botar balóns fóra e máis asumir responsabilidades e moverse para defender o sector naval galego. O voceiro do grupo parlamentar, Francisco Jorquera, emprazou desde Ferrol á Xunta de Galiza a que "asuma as negociacións co goberno do Estado para a construción dun dique flotante nos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol e levantar o veto que impide a carga de traballo".

Para Jorquera, estase ante unha “burla e engano” do PP, que “non tivo escrúpulos” para prometer dique e carga de traballo e esquecerse destes compromisos tras gañar as eleccións 

A fronte nacionalista denuncia que o PP utiliza de “escusa” a Unión Europea para negar a construción do dique flotante en Ferrol, "cando existe outro na Baía de Cádiz construído con recursos públicos".

Para Francisco Jorquera estase ante unha “nova burla e engano” do Partido Popular que “non tivo escrúpulos” para introducir na súa axenda política a construción do dique flotante e a carga de traballo dos estaleiros de Ferrol e esquecerse destes compromisos tras gañar as eleccións no Estado. O voceiro do grupo nacionalista asegurou que “non existe vontade política por parte do Partido popular” para levantar o veto a Navantia e que este se prorrogue até o 2015, data na que vence.

Explicacións no Congreso

Cómpre lembrar que a deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, vén de solicitar as comparecencias do Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, e do Presidente da SEPI, Ramón Aguirre, para que expliquen na Cámara a negativa a construír o dique flotante nos estaleiros públicos de Navantia en Ferrol. Pérez lembra que esta infraestructura “foi unha promesa do actual Presidente da Xunta na campaña eleitoral. Hoxe en día a cidadanía de Ferrolterra e os traballadores de Navantia se senten enganados”. Rosana Pérez quer saber por que a SEPI tardou tanto en anunciar que non se fará o dique, “a que se debe o retraso no anuncio cando se escusa en que a UE non o permite por consideralo ilegal. Sendo así, non tiñan que sabelo de antes?”.




Comentarios