Pontón responde as afirmacións de Escotet sobre a compra de NCG

BNG denuncia perante o TSXG a venda das caixas por presunta "malversación" de fondos públicos

A formación nacionalista recorre á vía penal perante o que cualifican como “bloqueo do PP” da comisión de investigación no Parlamento. Consideran que puido haber un delito de malversación de caudais públicos. Ana Pontón saíu ao paso das declaracións -"era un banco escarallado..."- de Escotet sobre as condicións da compra de NCG, actual Abanca.

BNG ENTREGA DENUNCIA CAIXAS ANTE TSXG1
photo_camera Foto de familia do BNG perante o TSXG na Coruña após apresentar a denuncia

O BNG presentou esta segunda feira unha denuncia ante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) pola venda de NovaGalicia Banco por considerar que pode ser constitutiva dun delito de malversación de caudais públicos. A formación nacionalista recorre tamén á vía penal, ante o que xulga como bloqueo do PP á comisión de investigación das caixas no Parlamento. “Se o PP non tivese nada que ocultar sería o primeiro interesado na investigación”, afirmou a portavoz nacional, Ana Pontón.

“Foi un proceso fraudulento que supuxo á perda do sistema financeiro galego, con opacidade, coa modificación das normas e no que se perderon 9.000 millóns de euros de recursos públicos”, dixo Ana Pontón, que pediu “investigar a fondo”, posto que “hai moitas preguntas sen responder e non é de recibo que os responsables se vaian de rositas”.

O PP oponse a que na reaberta comisión de investigación se podan demandar novas comparecencias, aspecto que o BNG considera relevante para esclarecer as responsabilidades políticas decorrentes do desaparecimento das caixas.

A portavoz nacional lembrou que en NGB o Estado inxectou perto de dez mil millóns de euros e que se vendeu por pouco máis de mil millóns (alén do máis, en catro prazos). Que en dous anos Abanca obtivese un beneficio de millóns demostra, dixo, que a fusión das antigas caixas era viábel como entidade pública. Ou sexa, que non era precisa a súa privatización.

A portavoz nacional cualificou de “falta de humildade” a afirmación do empresario venezuelano Juan Carlos Escotet, de que colle un "banco escarallado" e o puxo "a correr o maratón". No canto diso, para Pontón o banqueiro "fixo o negocio de século, mentres Galiza saíu perdendo”. “Vén dicirnos que recibiu un banco escarallado cando en realidade recibiu un banco regalado, cunhas condicións de venda onde as garantías ofertadas polo Estado superaban o prezo ofertado. Por exemplo, a devolución das cláusulas solo son a conta do erario público e non dos beneficios de Abanca”, alegou.

Comentarios