O BNG aposta por segregar os centros de Ferrol de Navantia e crear unha empresa pública galega

Segregar os centros de Ferrol de Navantia e crear unha empresa pública galega é a estratexia que o BNG defende para o sector naval nunha situación que define como “límite tras anos de promesas incumpridas” 

Acto do BNG en Ferrol
photo_camera Acto do BNG en Ferrol

Sen carga de traballo, con promesas incumpridas que se amorean na súa historia recente, o sector naval atópase nunha situación límite sen solución para as súas demandas claves, levantar o veto o dique flotante e levantar o veto á construción naval. Así definiu a situación o voceiro do BNG, Xavier Vence ao po sobre a mesa a “proposta estratéxica” para o sector que pasa por segregar os centros de Ferrol e Fene de Navantia e crear unha empresa pública galega. Defendeuno a no acto de Ferrolterra celebrado na sexta feira, despois da reunión co comité de empresa ao que lle transmitiu a súa proposta. 

Vence: “Feijóo dixo que os estaleiros galegos estarían cortando chapa para a construción deses floteis fai máis dun ano"

O portavoz Xavier Vence avogou pola segregación dos centros de Ferrol e Fene e a conversión nunha empresa pública galega de construción naval xa que “está lastrando o desenvolvemento dos estaleiros galegos, moi competitivos e produtivos pero que están perdendo mercado pola rémora que significa o resto de Navantia”. Ao seu ver, a actual configuración ten uns efectos “desastrosos” coa centralización en Madrid e unha dirección que é, segundo dixo, “un cemiterio de elefantes ou centro de colocación dos fillos das familias do PP madrileño que están levando á empresa á ruína”. 

O BNG defendeu unha folla de ruta propia para os estaleiros galegos e presentou a súa proposta para ser debatida coas partes implicadas como a máis acaída maneira de “frear o premeditado desmantelamento do sector naval de Ferrolterra”. I

Como “esperpento” cualificou Vence os anuncios do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo a respecto dos floteis de Pemex. “Feijóo dixo que os estaleiros galegos estarían cortando chapa para a construción deses floteis fai máis dun ano. A estas alturas aínda seguimos esperando pola resolución dun concurso que se resolverá en novembro. Confiamos en que Galiza consiga ese contrato, pero é evidente que Feijóo estivo enganando ao sector e ao conxunto da cidadanía”, dixo no acto desenvolvido en Ferrol.

Comentarios