O Bloque reclama unha tarifa eléctrica galega cunha redución de até o 20% no recibo da luz

O noso País produce entre un 30% e un 40% máis da enerxía que consome. Porén, abona as facturas máis caras de Europa, que en agosto se incrementarán aínda un 3,5% máis. A formación frontista rexeita o anteproxecto de lei do Sector eléctrico porque suporá "a estocada final" para as persoas consumidoras, para as industrias e para as pequenas e medianas empresas

photo_camera [Imaxe: BNG]


Co obxectivo de eliminar a penalización na factura da luz, impulsar as enerxías renovábeis e estabelecer unha tarifa eléctrica galega cunha redución entre o 15% e o 20% no recibo, as deputadas do Bloque Carme Adán (Parlamento galego) e Rosana Pérez (Congreso español) compareceron esta segunda feira en rolda de imprensa para presentar estas alternativas e, ao tempo, manifestar o "enérxico" rexeitamento da formación frontista ao anteproxecto de lei do Sector eléctrico. 

Lembrou Pérez na súa quenda de intervención que o Bloque rexeitara xa o RD que discriminaba Galiza "negativamente".

Porén, aquel marco eléctrico xa prexudicial para o noso País verase agora reforzado coa publicación do devandito anteproxecto que virá supor, a xuízo da nacionalista, "a estocada final" para as persoas consumidoras, para as industrias e para as pequenas e medianas empresas. Aliás, "arrebata competencias" que están transferidas ao territorio galego, penalizando os tributos propios.

Así as cousas, Galiza mantén a factura da luz máis cara de Europa, cun recibo que en agosto se incrementará un 3,5% para que o Goberno español embolse 900 millóns de euros. Ao fío, sinalou Carme Adán, voceira de Industria do Bloque no Parlamento, que o noso País é excedentario na produción eléctrica, pois consome entre un 30% e un 40% menos do que produce.

Porén, a factura d@s galeg@s será máis cara que a de Madrid. A isto cómpre sumar a supresión das primas para as enerxías renovábeis, polo que o panorama que se presenta é "dobremente discriminatorio" para a Galiza.

Comentarios