Biomasa, a alternativa sostíbel

A investigación en biomasa continúa a xerar novas espectativas de cara o seu aproveitamento sostíbel. O Grupo EQ2 presentou as últimas investigacións que incorporan novos elementos que se extenden en escenarios moi variados como poden ser os mariños a través das algas. 
Unha das conferencias realizadas nas xornadas organizadas polo grupo EQ2 da UVigo (UVigo).
photo_camera Unha das conferencias realizadas nas xornadas organizadas polo grupo EQ2 da UVigo (Foto: UVigo).

O aproveitamento da biomasa segue a ser unha alternativa máis que posíbel para un desenvolvemento máis sostíbel. Esta idea quedou confirmada por terceiro ano consecutivo a través das xornadas que organizou o grupo investigador multidisciplinar EQ2 da Universidade de Vigo o pasado 24 de setembro. Esta iniciativa anual de caracter divulgativo escolleu para esta edición a Facultade de Ciencias a través do Campus Remoto.

Nelas, investigadoras e investigadores deste grupo ou formados nel achegaron á comunidade universitaria as posibilidades que presenta o aproveitamento sostíbel de biomasa vexetal e mariña para a obtención de produtos de interese en sectores como o cosmético, o químico, o enerxético, o alimentario ou o farmacéutico. 

Nesta iniciativa, organizada polas investigadoras da UVigo Mª Dolores Torres, Sandra Rivas e Noelia Flórez-Fernández, e polo investigador Carlos Vila presentáronse as liñas de investigación de EQ2, así como os estudos realizados por investigadoras e investigadores formados nel e que actualmente desenvolven a súa actividade en diferentes centros. 

A importancia da biomasa no mundo actual 

Desde as primeiras xornadas realizadas en 2019 a difusión do emprego da biomasa partiu da idea da súa importancia. Ese primeiro ano, o profesor Andrés Moure afirmaba que o incremento das necesidades enerxéticas da poboación, por unha banda, e a loita contra o cambio climático, por outra, "fan que sexa máis necesario que nunca buscar solucións e novas vías de xeración de enerxía tendo como obxectivo un modelo enerxético máis sostíbel". 

Por este motivo, e como a biomasa ten como principal característica "o uso da materia orgánica como fonte de enerxía, xa sexa de maneira natural, residual de actividades agrícolas e gandeiras ou de cultivos enerxéticos" e tendo en conta que "por cada litro de petróleo aforrado evítase a emisión de dous quilos de dióxido de carbono", a biomasa "non só ofrece unha alternativa sostíbel aos combustibles fósiles, senón que tamén é unha fonte de compostos químicos e de novos biomateriais, podendo obterse dela un amplo abano de produtos comerciais". 

Aproveitamento vexetal e mariño

Sobre esta premisa, a xornada deste ano deu a coñecer as posibilidades do aproveitamento da biomasa en escenarios variados e con resultados sorprendentes. O doutor Marco García, da University College Dublin, explicou a optimización e vantaxes do seu uso para o aproveitamento das algas, e nos beneficios para a saúde dos compostos bioactivos obtidos a través delas. O seu interese investigador centrouse no uso de algas e microalgas e outros residuos da industria alimentaria para a xeración de elementos bioactivos e alimentos funcionais. 

Noutra das conferencias desta xornada, a doutora e investigadora Mar López, tamén da UVigo, introduciu a importancia do "desenvolvemento e a implementación a grande escala das biorrefinerías", unha acción que agarda "desempeñe un papel chave na transición cara un modelo de desenvolvemento sostíbel a través de estratexias baseadas na bioeconomía circular". 

Polo seu lado, a tamén doutora da mesma universidade, Beatriz Míguez, interveu para sinalar a biomasa vexetal como fonte de compostos con potencial de fibras vexetais especializadas (prebióticos), centrándose nos métodos de obtención de oligosacáridos con ese potencial prebiótico a partir de subprodutos procedentes da industria agroalimentaria e a das madeiras, empregando para iso sempre e en todo momento as tecnoloxías que sexan moi respectuosas co medio ambiente. 

Remataron a xornada deste ano, Vanesa Sanz e Kai L. Baltrusch, da UVigo, que explicaron a revalorización de residuos de té. Ambas investigadoras sinalaron que mediante técnicas extractivas limpas e tamén respectuosas co medio ambiente, "preténdese dar solución ao problema ocasionado pola poda das plantas de té". Nesta práctica agrícola aseguran que se crean grandes cantidades de residuos sólidos verdes, "residuos aos que é posíbel darlle un valor engadido determinado novas propiedades e aplicacións reais no campo da medicina, a farmacoloxía, a alimentación e a cosmética", sinalaron.

Comentarios