Biofabri irá á folga contra o despedimento da metade do plantel

A dirección da empresa do Porriño incumpre o seu compromiso de garantir os postos de traballo até 2015.

Biofabri
photo_camera [Foto: CIG]

A dirección de Biofabri, empresa farmacéutica radicada no Porriño e que ten a súa orixe no laboratorio vigués Zeltia, vén de presentar un Expediente de Regulación de Emprego que suporá a extinción de contratos para 39 das e dos seus 79  traballadores, a metade do seu cadro de persoal.  Aliás, a empresa pretende impor unha redución salarial que atinxiría o 16%.

O ERE extintivo afecta a 39 das e dos 79 empregados

Perante esta decisión, o Comité de Empresa, presidido pola CIG, acordou impulsar a convocatoria de folga, que podería ser indefinida para rexeitaren o propósito da empresa de prescindir da metade do seu actual cadro de persoal. O seu presidente, Alberte Gonçalves, denunciou que con esta medida “a empresa está a incumprir un compromiso adquirido pola dirección que garantía o mantemento do emprego durante os vindeiros dous anos”.

A representación sindical prepara un calendario de mobilizacións e despregarán unha campaña pública para dar a coñecer a nivel social a grave situación que enfrontan. Asemade anunciaron que emprenderá tamén diversas accións a nivel institucional para evitar que o ERE se chegue a aplicar.

Comentarios