Bimba y Lola eleva as súas vendas até 226,7 millóns, 12,6% máis

O negocio internacional da firma de moda galega supón xa un terzo da súa facturación.
Tenda de Bimba e Lola en Compostela (Xoán Roberes).
photo_camera Tenda de Bimba e Lola en Compostela (Xoán Roberes).

A firma de moda Bimba y Lola, capitaneada polas irmás María e Uxía Domínguez, segue co seu crecemento. A compañía téxtil vén de presentar os resultados do seu último exercicio fiscal, finalizado o pasado 29 de febreiro, no que acadou unha facturación de 226,7%. Esta cifra supón un crecemento das vendas de 12,6%, no que tivo que ver a boa marcha do seu negocio internacional. 

Segundo os datos facilitados pola compañía, as vendas internacionais representan xa 33% do total do grupo, grazas a evolución positiva que experimentaron a práctica totalidade dos 18 mercados nos que está presente a marca, tanto a través das súas tendas físicas, como do seu canal de venda online. 

A compañía, dentro do seu plan de expansión internacional, aumentou a súa rede comercial en 13 estabelecementos, ao pasar dos 272 que tiña ao feche de 2018 aos 285 con que remata o último exercicio fiscal. Destes, 117 están localizados fóra do Estado español.

Segundo destacou o conselleiro delegado de Bimba y Lola, José Manuel Martínez, "o crecemento de Bimba y Lola é posíbel grazas ás case 1.800 persoas do nosa equipa humana. O  que logramos xuntas en 2019 anímanos a seguir traballando para consolidar Bimba e Lola como unha gran marca global".

Comentarios