Até os 21,3 millóns de euros

Os beneficios dos portos galegos aumentan nun 86,4%

Só o porto de Vilagarcía empeorou o seu balance respecto do ano anterior, mais, aínda así, obtivo un resultado positivo de máis de 450.000 euros. 
2019010517103395666
photo_camera [Imaxe: Cedida] Porto de Vigo

As cinco autoridades portuarias galegas de interese xeral -é dicir, as que dependen directamente do Ministerio de Fomento a través de Portos do Estado- gañaron en 2018 perto de 21,3 millóns de euros, o que supón un 86,4% máis que o ano anterior, no que os beneficios despois de impostos se situaron algo por baixo dos 11,5 millóns. 

Os informes das contas anuais das autoridades portuarias, validados pola Intervención Xeral da Administración do Estado, organismo do Ministerio de Facenda, reflicten que todas, agás a de Vilagarcía, melloraron as cifras do 2017. A meirande parte dos ingresos das dársenas proceden das taxas de actividade, e é precisamente neste aspecto onde se produciu o incremento que explica este salto, en concreto o aumento achegado pola Autoridade Portuaria de Vigo, que multiplicou os seus números. O porto olívico rozou os 8,9 millóns de beneficios, cando o ano anterior non chegara aos 1,9. 

O porto da Coruña tamén mellorou substancialmente o seu resultado, pasando dos 510.000 euros de ganancia aos 2,2 millóns en 2018. En termos relativos, o terceiro mellor resultado interanual foi o de Marín-Ría de Pontevedra, que pasou dos 2,4 millóns en 2017 aos 3,3 do último exercicio pechado. 

A autoridade portuaria de Ferrol-San Cibrao, pola súa banda, obtivo un balance neto positivo de 6,4 millóns, cando o ano anterior non chegara aos seis millóns. Só Vilagarcía de Arousa empeorou os seus rexistros: gañou 457.000 euros, polos 702.000 do ano 2017. 

Comentarios