Os beneficios de Audasa tras ingresar 150 millóns de euros en peaxes

A concesionaria da AP-9 obtivo en 2021 un 20% máis de proveito que antes da pandemia.

En 2021, 70% do total de accidentes mortais tivo como protagonistas vehículos de máis de dez anos (Foto: Punto GA / M. Riopa)
photo_camera Autoestrada AP-9 ao seu paso por Compostela (Foto: Punto GA / M. Riopa)

Audasa, concesionaria da autoestrada AP-9, fechou 2021 cun beneficio de 50,7 millóns de euros, case un 20% máis que antes do coronavirus. Fíxoo nun exercicio no que ingresou polo cobro de peaxes un total de 150 millóns de euros, un 29,1% máis que en 2020 e só un 2,1% menos que en 2019, último ano sen restricións de mobilidade pola Covid.

A compañía integrada no grupo Itínere fixo públicas esta segunda feira as cifras de recadación e tráfico do último exercicio, que a Autoestrada do Atlántico clausurou cunha subida de 27,5% respecto ao ano anterior e un descenso do 8,3% no número de vehículos que transitaron pola infraestrutura no ano anterior á crise sanitaria.

Peaxes

Así, a recadación por peaxes achegouse aos niveis prepandemia, aínda que un 2,1% por baixo dos 153,4 millóns de 2019 -3,1 millóns menos-. Con respecto a 2020, ano marcado polas restricións da pandemia, Audasa obtivo 22,4 millóns de euros máis en peaxes.

Deste xeito, a compañía concluíu 2021 con 50,7 millóns de euros en beneficio, resultados que atribúe á redución en 2021 do custo financeiro da débeda, capítulo ao que dedicou hai dous anos case 30 millóns de euros polos 16,1 do último exercicio.

Nun comunicado, Audasa sinala que a suba de tarifas aplicada desde outubro de 2018 para o financiamento das obras en Santiago e a ponte de Rande, así como a volta gratuíta do tramo Pontevedra-Vigo "permitiu recuperar á sociedade 19 millóns de euros sobre un total acumulado a 31 de decembro de 2021 de 357 millóns de euros sen considerar impostos".

Tráfico

2021 foi o sexto ano con maior media de vehículos diarios na autoestrada da década con 22.369. Destes, 19.620 vehículos ao día pagaron peaxes.

En canto ás formas de cobro, a telepeaxe foi o método de pago máis común con 84,5 millóns de euros, seguido dos cartóns bancarios con 33 millóns e o efectivo con 16,6 millóns.

Así mesmo, Audasa recibiu 10,8 millóns de euros pola peaxe en sombra dos tramos A Coruña-A Barcal e Vigo-Ou Morrazo, así como 14 millóns de euros polas bonificacións aprobadas polo Mininsterio de Transportes.

Pola contra, abonou 3 millóns polos descontos de 75% para traxectos do tramo entre Vigo e Pontevedra nas viaxes de volta no mesmo día laborable -até o 29 de xullo- e outros 5,6 millóns polos descontos de 25% para vehículos lixeiros en viaxes de ida e volta pagados con telepeaxe.

Persoal e actuacións

O balance de Audasa tamén conta con cifras de cadro medio, composta por 229 empregados (nove máis que en 2021), dos que un 90,2% son indefinidos e un 40%, mulleres.

Así, en 2021 levou a cabo actuacións na autoestrada de 3,8 millóns de euros e outros 1,5 millóns en ambientais. Todo iso nun ano no que baixaron un 83% as reclamacións. Foron 2,06 reclamacións por 100 vehículos e quilómetro.

Comentarios