O BCE volve subir os xuros até un 3,5% inédito desde 2008

"O sector bancario da zona do euro ten capacidade de resistencia e posicións de capital e de liquidez sólidas", aseguran desde a entidade fronte á caída de dous grandes bancos estadounidenses e a delicada situación que atravesa en Europa Credit Suisse.
A presidenta do Banco Central Europeo, Christine Lagarde (Foto: Tarmo Lehtosalo vía Europa Press).
photo_camera A presidenta do Banco Central Europeo, Christine Lagarde. (Foto: Tarmo Lehtosalo vía Europa Press)

O Consello de Goberno do Banco Central Europeo acordou esta quinta feira elevar os tipos de xuro en 50 puntos básicos, tal e como anticipara xa a comezos de ano, de forma que o tipo de xuro para as súas operacións de refinanciamento ficará en 3,50%, mentres que a taxa de depósito alcanzará o 3% e a de facilidade de préstamo, 3,75%. A entidade prevé que a inflación seguirá a ser "demasiado alta durante demasiado tempo" e advirte que o elevado nivel de incerteza reforza a importancia dun enfoque dependente dos datos para as decisións do Consello de Goberno sobre xuros.

Con esta sexta suba consecutiva do prezo do diñeiro, que se sitúa agora no seu nivel máis alto desde o outuno de 2008, co estoupido da recesión económica tras a caída de Lehman Brothers, o BCE mantén o ritmo da normalización da súa política monetaria, a pesar das turbulencias no sector financeiro, tras a intervención nos Estados Unidos de dúas entidades bancarias —Silicon Valley Bank e Signature Bank— a pasada fin de semana e a caída bolsista da banca europea ante as dúbidas que pairan sobre o suízo Credit Suisse.

Neste senso, desde o BCE aseguran estar a facer un atento seguimento das actuais tensións nos mercados e estar tamén "preparados" para responder como for preciso a fin de manter a estabilidade de prezos e a estabilidade financeira na zona do euro. "O sector bancario da zona do euro ten capacidade de resistencia e posicións de capital e de liquidez sólidas", defenden, engadindo que, en todo caso, o Banco Central conta con "todos os instrumentos" de política monetaria necesarios para fornecer liquidez ao sistema financeiro da zona do euro e preservar a transmisión fluída da política monetaria.

Lembran tamén que o Instrumento para a Protección da Transmisión (TPI) está dispoñíbel para contrarrestar dinámicas de mercado inxustificadas e desordenadas que constitúan unha seria ameaza para a transmisión da política monetaria nos países da zona do euro, o que permite ao Consello de Goberno cumprir con maior efectividade o seu mandato de estabilidade de prezos.

Sexa como for, o BCE advertiu de que está preparado para axustar todos os seus instrumentos no marco do seu mandato para asegurar que a inflación volva situarse no seu obxectivo de 2% a medio prazo e preservar o bo funcionamento da transmisión da política monetaria.

Coa suba de medio punto porcentual desta quinta feira e tras a repunta doutros 50 puntos básicos en febreiro e decembro de 2022, así como dos dous incrementos de 75 puntos básicos acometidos nas reunións de outubro e setembro do ano pasado, tras unha suba inicial de medio punto porcentual en xullo de 2022, o BCE elevou o prezo do diñeiro en 350 puntos básicos durante o actual ciclo de aumentos.

A taxa de inflación interanual da eurozona rematou febreiro en 8,5%, o que implica unha baixada dunha décima fronte ao dato de xaneiro, mentres que a taxa subxacente, que exclúe o efecto de enerxía e alimentos, escalou até un récord de 5,6%.

Por outra parte, segundo os últimos datos de Eurostat, o ritmo de expansión da zona euro interrompeuse no cuarto trimestre de 2022, cando o produto interior bruto (PIB) da rexión freou o seu crecemento en comparanza cos tres meses anteriores, cando medrara por volta de 0,4%, mentres que en comparación co cuarto trimestre de 2021, o crecemento da zona euro foi de 1,8%.

Comentarios