O BBVA súmase ao fechamento de oficinas bancarias en Galiza

Prevé clausurar un mínimo de 6 no noso territorio. Desde finais de 2010 botaron o feche en Galiza perto de 700 sucursais das diversas entidades financieiras. 

BBVA
photo_camera BBVA

O BBVA tamén fechará oficinas en Galiza, un mínimo de 6, segundo avanzaron desde a súa dirección. Dúas en Vigo, 1 en Pontevedra, 1 en Compostela, 1 en Ferrol e 1 na Pobra do Brollón. Cifra que sumar ás sucursais de diferentes entidades financeiras que ao longo destes anos -e no marco da crise e o proceso de 'recentralización' e fusión bancaria- foron botando o feche. Un exemplo este mesmo ano foi o Banco Popular, que anunciara a clausura de 42 oficinas (30 do Banco Pastor e 12 do Popular) no noso país, unha cifra que despois rebaixou. A finais do mes pasado xa clausurara algo máis dunha ducia.

Na actualidade o número de oficinas bancarias en Galiza non chega a 1.700. Un número sensibelmente inferior ao que había cara finais de 2010, cando tomaba forma a fusión das caixas galegas, e que andaba á beira das 2.400. Neste lustro, pois, fecharon case 700 sucursais, nomeadamente nas zonas rurais. Coa crise, a perda de empregos no sector bancario en Galiza traduciuse en pasar de 20.000 empregados a menos de 14.000.  

Comentarios