BBVA e Banco Sabadell achegan posicións para unha inminente fusión

O BBVA ten os fondos precisos para mercar a outra entidade após oficializar a venda da súa filian nos Estados Unidos.
O valor das dúas entidades disparouse hoxe na Bolsa. (Foto: Europa Press)
photo_camera O valor das dúas entidades disparouse hoxe na Bolsa. (Foto: Europa Press)

A nova estratexia de fusión que está a vivir o tecido financeiro estatal tamén ten como protagonistas aos grupos BBVA e Banco Sabadell. Malia que responsábeis de ambas partes só confirmaron que están conversando a respecto desa unión, as persoas expertas neste mercado xa dan por feita unha compra da segunda entidade por parte da primeira. O certo é que os rumores e posteriores anuncios viñeron igualmente ben ás dúas marcas, cuxos títulos en Bolsa se dispararon esta segunda feira. 

BBVA ten nas súas mans o montante económico preciso para facerse coa propiedade de Banco de Sabadell S.A. despois de que hoxe se oficializara a venda da súa filial en Estados Unidos. Se ben é certo que os cartos tardarán uns meses en chegar, como insistiron o presidente, Carlos Torres, e o conselleiro delegado, Onur Genç, son suficientes para completar unha fusión que no mercado de valores xa se dá por feita. 

Os principais responsábeis do banco comentaron que a súa intención é facer una recompra de accións “relevante” aproveitando a depresión do mercado, mais non se descarta esa adquisición doutra marca bancaria. 

De feito, as dúas partes comunicaron esta segunda feira á Comisión Nacional do Mercado de Valores que están tratando unha “potencial operación de fusión entre ambas entidades”. 

Fontes do Sabadell concretaron que comezou o proceso de “due diligence” e se asignaron as e os asesores externos precisos coa autorización do Consello de Administración. Porén, “non hau tomada ningunha decisión nin certeza algunha de que se adopte”. 

Desde BBVA falaron nos mesmos termos pero puntualizando que, no caso de que a unión chegue a ser unha realidade, aínda non hai uns termos e condicións para esa operación. 

O terceiro movemento en menos de tres meses

De calquera maneira, a soa confirmación dese achegamento axudou ao Sabadell a medrar en Bolsa. Mentres que o posíbel comprador disparaba o seu valor en máis dun 16% pola venta fechada en Estados Unidos, as expectativas sobre a fusión melloraron os resultados da outra parte case nun 12%. 

Polo momento, Sabadell tamén estaba a negociar o despedimento dunhas mil traballadoras e traballadores, 45 delas das oficinas galegas. En concreto, hai 461 profesionais traballando para o grupo no país.

Estas novidades no sistema bancario estatal danse após outras fusións xa confirmadas como a de Caixabank e Bankia, en setembro, e a de Unicaja e Liberbank, días despois. A pesar de que neste caso habería “conversas preliminares”, xa se prevé que sexan unha soa marca.

Comentarios