O banco malo busca facer caixa en Galiza: vende 32 promocións urbanísticas paradas de 898 vivendas

A Coruña, Foz, Redondela e Malpica son algúns dos 15 concellos onde están as promocións que vende a Sareb e que suman máis de 50.000 metros cadrados.

grúas construción obras traballo

A Sareb, a Sociedade de xestión de activos procedentes da restruturación bancaria e que se coñece tamén como 'banco malo', pon á venda na Galiza 32 promocións urbanísticas que están paradas e en diferente nivel de execución. De finalizarse tal e como se propuxeron nun principio, suporían a construción de perto de 900 vivendas e máis de 1.200 prazas de aparcamento. A oferta enmárcase na campaña 'Obra Parada' e coa que a Sareb prevía desfacerse, nun principio, de 140 promocións de vivenda residencial.

Esas 32 promocións urbanísticas paradas (e de usos de residencia plurifamiliar, ás que habería que engadir as unifamiliares) suman máis de 50.000 metros cadrados e sitúanse en 15 concellos de diferentes partes do país. Os prezos varían, habéndoos desde máis de 2.500.000 euros (sen impostos incluídos, como o da promoción da Avenida da Atlántica de Vigo) até as 850.000 do prezo da de Narón.

A Coruña e Foz son as localidades onde máis promocións paradas se poñen á venda, tres en cada unha. As coruñesas suman 225 vivendas e 298 prazas de aparcamento e os da vila mariñá, 218 e 472 respectivamente. En Vigo, Laracha, Miño e Burela o Banco Malo vende dúas promocións en cada unha. Completan a lista Bergondo, Fisterra, Malpica, Betanzos, Carballo, Narón, Ribeira, Chantada, Rábade e Redondela.

Comentarios