O Banco de España recorta a 1,3% a súa previsión para o PIB estatal de 2023

O organismo que dirixe Pablo Hernández de Cos publicou por primeira vez as súas proxeccións sobre o crecemento da economía en 2025.
Banco de España nunha imaxe de arquivo. (Foto: Wikipedia)
photo_camera Banco de España nunha imaxe de arquivo. (Foto: Wikipedia)

O Banco de España (BE) revisou lixeiramente á alza [unha décima] a súa previsión de crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) en 2022, até 4,6%, mais recortou as súas proxeccións para 2023 nunha décima, até 1,3%, debido, sobre todo, ao empeoramento do contexto exterior.

O organismo que dirixe Pablo Hernández de Cos tamén revisou á baixa, en dúas décimas, o crecemento medio do PIB en 2024, até 2,7%, fundamentalmente debido á probábel extensión en 2023 dunha parte das medidas en vigor durante 2022 para reducir o impacto da crise enerxética, cuxa retirada ao comezo de 2024 dará lugar "a un pequeno impacto negativo" sobre a actividade no devandito exercicio.

Proxeccións para 2025

Ademais, o organismo publicou por primeira vez as súas proxeccións sobre o crecemento da economía en 2025, que sitúa en 2,1%.

Baixo toda esta traxectoria proxectada, o PIB da economía estatal recuperará o seu nivel previo á pandemia entre finais de 2023 e comezos de 2024, segundo se desprende do último Informe Trimestral da Economía Española publicado esta terza feira.

De acordo co informe, o grao de dinamismo da actividade económica no tramo final do ano sería similar ao rexistrado durante o terceiro trimestre.

A debilidade do consumo polas presións inflacionistas e pola elevada incerteza é un dos principais factores presentes detrás do modesto avance do PIB previsto para o cuarto trimestre, que medraría 0,1%, fronte ao 0,2% rexistrado no terceiro.

Para primeiro trimestre de 2023 a evolución económica será máis ou menos similar ao deste cuarto trimestre, segundo destacou o director xeral de Economía e Estatística do Banco de España, Ángel Gavilán.

De se cumpriren estas previsións, o Estado español lograría evitar entrar nunha situación de 'recesión técnica' (dous trimestres consecutivos de contracción do PIB), aínda que Gavilán indicou que "é precipitado descartar ningún escenario nun contexto de tanta volatilidade".

Comentarios