O Banco de España agoira unha contracción "sen precedentes na historia recente"

Na súa previsión máis negativa, o déficit público podería chegar a 11% do PIB ─que caería 13,6%─, a débeda pública superaría 120% e a taxa de paro subiría a 21,7%.

deficit
photo_camera Un operario traballando con máscara nas instalacións da SEAT en Martorell, Catalunya (David Zorrakino / Europa Press)

A economía española rexistrará en 2020 unha contracción "sen precedentes na historia recente", que superará "amplamente" a que se produciu en calquera dos anos da crise financeira global, segundo cálculos preliminares do Banco de España recollidos no artigo Escenarios macroeconómicos de referencia para a economía española tras a COVID-19 publicado nesta segunda feira, 20 de abril.

O Banco de España, utilizando dúas metodoloxías distintas, calcula que o PIB caerá este ano, de media, entre 6,6% e 8,7% no caso de que o confinamento da poboación dure oito semanas (o máis probábel, opina) e do grao no que persista a perturbación tras finalizar o estado de alarma.

De producirse unha normalización da actividade case completa, o retroceso do PIB sería de 6,6%, mais se esta non chega até o cuarto trimestre, a caída sería de 8,7%. E de alongarse até 12 semanas e non se chegou á normalización da actividade a fin de ano, podería caer até 13,6%.

Utilizando outra metodoloxía distinta, máis fiábel en horizontes temporais amplos, a caída do PIB podería situarse entre 6,8% e 9,5%, con oito semanas de confinamento, e 12,4%, con 12 semanas.

Déficit, débeda e desemprego

Con independencia dos distintos escenarios construídos, o Banco de España recoñece que o custo orzamentario da COVID-19 será "moi elevado". Calcula que o déficit público de 2020 podería situarse nunha marxe comprendida, aproximadamente, entre 7% e 11% do PIB. Para 2021, sería de entre 5,2% e 7,4%.

Ademais, a débeda pública situaríase este ano e o próximo en niveis comprendidos entre 110% e máis de 120% do PIB, aproximadamente, e a taxa de paro podería escalar en 2020, en media anual, a porcentaxes de entre 18,3% e 21,7% da poboación activa, que baixaría en 2021 a entre 17,5% e 19,9%.

Comentarios